Rufián pide diálogo a PSOE e UP e xulga "naif" o "non a todo" e o "bloqueo a España"

Rufián pide diálogo a PSOE e UP e xulga "naif" o "non a todo" e o "bloqueo a España"
Rufián, cunha chapa amarela na lapela da súa americana
Rufián, cunha chapa amarela na lapela da súa americana  Foto: @Congreso_Es

O Gabriel Rufián máis conciliador e tépedo emerxeu esta terza feira na tribuna do Congreso. O portavoz de ERC chamou a PSOE e a Unidas Podemos a chegaren un acordo para evitar dar unha nova oportunidade aos "trillizos" da dereita, dixo en alusión ao tamén chamado trifachito. O dirixente republicano aproveitou o debate para marcar distancias coa estratexia de JxCat: cualificou de "naif e irresponsábel" situarse no "non a todo" e no "bloqueo a España".

 


ERC está disposta a viabilizar a investidura de Sánchez ao optar pola abstención durante o debate de investidura. Mais é unha abstención non incondicional. Isto é, vaise materializar só no caso de que finalmente PSOE e UP pacten un goberno de coalición. "Fagan vostedes o favor de se poñeren de acordo. Por nós non será", dixo Rufián.

O líder republicano non desvelou o sentido do voto do seu grupo na sesión desta terza feira [nesta primeira votación esíxese maioría absoluta, na da quinta feira só máis votos positivos que negativos], mais en todo momento deu a entender a súa disposición a facilitar a investidura. "O non a todo e o bloqueo de España é naif e irresponsábel", chegou a dicir Rufián.

Na súa primeira quenda de réplica, Sánchez deu por suposto que a abstención de ERC xa se produciría esta terza feira, cando o acordo con Unidas Podemos está aínda no ar e até é posíbel que as bancadas lideradas por Iglesias opten polo non. "Unha advertencia previa, señor Sánchez, e dito co debido respecto: non dea por suposta a nosa abstención", díxolle Rufián. "Teñen vostedes 48 horas máximo para se poñeren de acordo, por nós non será. E pídolles que valoren na súa xusta medida o enorme esforzo de xenerosidade que está a facer este grupo parlamentar".

En realidade, a abstención de ERC é imprescindíbel para viabilizar a investidura de Sánchez, sempre que este previamente sele un pacto con Iglesias. "PSOE e Unidas Podemos non temos 176 escanos. Necesitamos apoios. Non dou por suposta a súa abstención. Si agradezo o ton e a forma do seu discurso e a súa disposición a facilitar que haxa un goberno para a lexislatura botar a andar", afirmou o candidato socialista.

"Abandonen vostedes a unilateralidade"

Durante o confronto dialéctico, moi contido por ambas partes, Sánchez pediulle a Rufián que o bloque independentista "abandone a unilateralidade", en tanto que o portavoz republicano instou o candidato socialista a que se ativese ao espírito de Pedralbes —cimeira dos gobernos español e catalán— e asuma o carácter político do conflito entre o Estado español e Catalunya, "un conflito que deben resolver os políticos e non os xuíces".

Sánchez afeou a Rufián que desde ERC se fale en nome de toda a sociedade catalá e o dirixente republicano contestou que "nin se pode impor unha República catalá nin se pode impor unha Autonomía con só o 50% dos votos". Ese argumento parecía unha concesión ao PSOE, mais en realidade foi o preludio dunha constatación: a de que o consenso transversal no seo da sociedade catalá que demanda o aspirante socialista xa existe: "O 80% de Catalunya pide votar. Moitos votantes seus. Piden dirimir este conflito nunha urna e non a paus", alegou Rufián.