Sánchez compórtase como se non negociase con Podemos e pídelle a Casado que se absteña

Sánchez compórtase como se non negociase con Podemos e pídelle a Casado que se absteña
Pablo Casado
Pablo Casado  

Cos equipos negociadores de PSOE e Unidas Podemos a intertrocar durante as últimas horas papeis e dossieres, Pedro Sánchez actuou no debate da investidura como se non fose haber goberno de coalición. No puxilato con Pablo Casado, Sánchez voltou a demandar ao PP que se absteña para viabilizar o goberno e evitar así a repetición de eleccións. "Ou estabilidade ou eleccións", dixo o candidato do PSOE. Casado anunciou o voto contrario do seu grupo á entronización de Sánchez: "Cos radicais vostede pode ser investido, pero non pode gobernar".

 


A petición de Sánchez ao PP —que se abstivese para viabilizar a investidura— non pasa de ser un aceno puramente teatral. Ninguén no Congreso outorgaba a menor verosimilitude á hipótese de que Casado fose permitir a continuidade do candidato socialista na Moncloa. "O adaíl do non é non pídenos coactivamente que nos absteñamos. Un momento, que vostede demitiu por non absterse [na investidura de Mariano Raxoi]", reprochoulle o líder conservador ao presidente en funcións.

Casado xustificou a súa posición co argumento de que Sánchez é refén dos "radicais" e das forzas independentistas. "A súa verdadeira cara ten un proxecto de ruptura para España", espetoulle, a lle reprochar que defendese a revisión do Estatuto de Catalunya despois deste ter sido emendado polo Tribunal Constitucional.

"Un líder político ten todo o dereito a meter a súa organización nun labirinto. Mais vostede non ten dereito a meter o país nun labirinto. Os seus votantes e o país pídenlle que se absteña para que a formación do goberno non dependa das forzas independentistas", retrucoulle Sánchez a Casado na dúplica parlamentar final.

O apelo de Sánchez á abstención do PP foi tan insistente que sobre o hemiciclo pairou en todo momento a idea de que nos cálculos do inquilino da Moncloa está o fracaso da negociación con Unidas Podemos e os grupos parlamentares independentistas, visibelmente irritados polo discurso do candidato socialista na sesión matutina. 

O rexistro de Sánchez adquiriu tintes dramáticos. "Non lle pido que me diga a min si, dígolle que lle diga a España si", afirmou. E alicerzou tal demanda no panorama que se perfila no horizonte dos próximos meses: a hipotética saída do Reino Unido da UE o próximo 31 de outubro e a sentenza do Tribunal Supremo no xuízo aos presos políticos independentistas. Sería unha irresponsabilidade, veu argumentar o candidato socialista, que o estado español lidase con tan endiañado contexto cun goberno aínda en funcións e unhas novas eleccións axendadas para o 10 de novembro.

Sánchez deixou por tanto aboiar a dúbida de que fará finalmente se se confirmar a negativa do PP e tamén de Cs a viabilizar a súa investidura. Mais mentres el discursaba no Parlamento, os equipos negociadores de PSOE e Unidas Podemos continuaban co seu traballo.