Sánchez replica a posición do PP e amaga con usar o 155

Sánchez replica a posición do PP e amaga con usar o 155
Pedro Sánchez
Pedro Sánchez  

 

 


A retórica do Goberno Sánchez —abordar o asunto catalán desde a política— estase a revelar como pura foguetería verbal. Á hora da verdade, ábrese paso a reprodución do discurso Raxoi: non ao referendo pactado, non a procurar unha saída non represiva á situación dos presos políticos e si a un eventual uso do 155. "O 155 é un instrumento perfeitamente lexítimo para voltar a instalar Catalunya na Constitución. De momento non estamos aí, mais si sucede o Goberno actuará", dixo en declaracións á SER.​

Sánchez non quixo aparecer como un bunker perante Catalunya e deslizou unha proposta que, aos ollos da Moncloa, podería ter boa venda no eleitorado catalán potencialmente apoiante do PSC: si que está aberto a que se vote en Catalunya. Esa sería a boa noticia. A má é que non se votaría o dereito de autodeterminación, que o chefe da Moncloa considera "inconstitucional", posición idéntica á de Raxoi, senón que se votaría sobre o autogoberno. Isto é, un novo estatuto. Sánchez si ve anómalo que o actual non fose votado polo pobo catalán (en realidade foino mais a seguir foi mutilado polo Tribunal Constitucional ao tramitar favorabelmente un recurso formulado polo PP).

En todo caso, un novo Estatuto non é a concesión que agarda de Madrid o soberanismo catalán. Portanto, de se enrocar aí a Moncloa, o conflito político é inevitábel. Consciente diso, Sánchez non dubida con amagar co uso do 155 se o Govern Torra optase polo unilateralismo. Non o ten doado, porén, o chefe do goberno español: voltar a suspender o autogoberno catalán dinamitaría a alianza do PSOE con Podemos e previsibelmente abocaría o estado a eleccións anticipadas.

A entrevista de Sánchez na SER veu precedida dunhas declaracións a El País do vicepresident da Generalitat, Pere Aragonès, en que o dirixente de ERC ligaba un eventual apoio republicano aos orzamentos xerais do Estado a que desde a Moncloa se influíse na Fiscalía —órgao xurisdicional que depende hierarquicamente do poder executivo— para que mude o seu criterio —actualmente avala a acusación de rebelión, sedición e malversación de fondos— na causa contra as e os líderes soberanistas cataláns.

Voltar a suspender o autogoberno catalán dinamitaría a alianza do PSOE con Podemos e previsibelmente abocaría o estado a eleccións anticipadas.

Por o resumir nun titular, Aragonés condensou así a súa mensaxe: "Non ten sentido pedir o voto de ERC e avalar a prisión do seu líder". Perguntado sobre se a súa demanda non equivalía a pedir ao Goberno Sánchez que violase a división de poderes, o número dous da Generalitat alegou: "Non lle estou a pedir nada aos xuíces, senón ao Goberno, que é unha das partes. A Avogacía do Estado e a Fiscalía Xeral seguen a súa orientación".

Como era previsíbel, e ao ser interpelado a este respecto, Sánchez fechouse en banda e recorreu a todo un clásico nos políticos unionistas: a fiscalía é independente e o Goberno vai respeitar a súa autonomía.

En todo caso, a Moncloa ten un problema político non menor: sen os 17 votos independentistas (9 de ERC e 8 do PDeCAT) as contas non dan para os orzamentos 2019 obteren o nihil obstat do Congreso. Formalmente Sánchez non contempla máis hipótese que a da súa aprobación nun debate que sitúa entre novembro e principios de 2019.