“VAI SER UN GOBERNO ROTUNDAMENTE PROGRESISTA”

Sánchez e Iglesias asinan un acordo de Goberno para toda a lexislatura

Sánchez e Iglesias asinan un acordo de Goberno para toda a lexislatura

O líder de Unidas Podemos será vicepresidente dun Executivo que, segundo afirman, situará o Estado español como «referente dos dereitos sociais en Europa.


Pedro Sánchez e Pablo Iglesias asinaron esta terza feira no Congreso español o acordo de Goberno de PSOE e Unidas Podemos para formar un Executivo de coalición para toda a lexislatura e, en palabras de Sánchez, «rotundamente progresista». Un Goberno no que o líder do PSOE será presidente e o de Unidas Podemos vicepresidente.

«É unha honra traballar para os nosos compatriotas. Pedro Sánchez pode contar coa nosa lealdade. Imos traballar para conseguir a maioría parlamentar precisa para a investidura e a lexislatura», dixo Iglesias na sinatura do pacto.

Sánchez manifestou que o Goberno vai ser «rotundamente progresista, integrado por forzas progresistas e que vai traballar polo progreso de España».

Dez puntos prioritarios

O preacordo estabelece 10 puntos de actuación para o novo Executivo de coalición: A loita contra a mudanza climática e transición enerxética, as políticas de igualdade e contra a violencia machista, ampliación de dereitos sociais e o combate do paro e da precariedade laboral a través dunha reforma laboral que recupere dereitos recortados, son algunhas desas liñas de actuación. 

A respecto de Catalunya, o preacordo é ambiguo e fala de diálogo e de garantir a convivencia. 

BNG: «Axenda Galega»

En relación ao preacordo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que o apoio do nacionalismo galego estará condicionado á existencia «dun compromiso claro cunha axenda galega que non pode seguir agardando durante máis tempo». A líder nacionalista lamentou que o documento de preacordo sexa «moi vago e con moitas xeneralidades que non permiten coñecer en profundidade cal vai ser a acción concreta desa proposta para un goberno de desbloqueo».

Así mesmo, para Pontón confírmase que «se en abril non foi posíbel un acordo debeuse á irresponsabilidade desas forzas políticas -en referencia a PSOE e Unidas Podemos- que levaron ao conxunto da cidadanía a unhas novas eleccións», e engadiu que «é unha mágoa que o que agora se soluciona en 24 horas» tardase tantos meses e conlevase unha novas eleccións «que serviron para pór unha alfombra vermella á extrema dereita».

Así, o voto do deputado do BNG nas Cortes Xerais, Néstor Rego, estará vinculado a que se acepten unha serie de compromisos do futuro Goberno central coa Galiza e que desde o Bloque detallarán nos próximos días.

 

Feixoo apela Sánchez a falar cos defensores da unidade de España

«Pense moi ben o acordo con Podemos», pediu Alberto Núñez Feixoo a Pedro Sánchez. O presidente da Xunta de Galiza exhortou o líder do PSOE a «voltar a falar» cos partidos «non dubidosos de defender a unidade de España e o Estado autonómico».

Sobre o preacordo conseguido a 24 horas das eleccións xerais, o presidente galego afirmou que ninguén vai confiar en Pedro Sánchez «de ser verdade que nos enganaron a todos durante tanto tempo», en referencia á imposibilidade de chegar a un acordo de goberno na anterior lexislatura.

 

Caballero celebra o preacordo e anuncia que haberá cambio na Galiza

O acordo alcanzado entre Unidas Podemos e PSOE esta terza 12 de novembro é para Gonzalo Caballero unha boa nova que anuncia «o cambio de goberno» que se dará na Galiza nas eleccións ao Parlamento Galego de 2020.

Desta maneira celebrou o secretario xeral do PSdeG o preacordo e para a formación dun goberno de coalición no Estado e afirmou que marca «o principio dunha lexislatura de prosperidade e de futuro para España e a Galiza».

Nese sentido, Caballero sinalou que se atopan «plenamente satisfeitos de que se avance nesta liña de acordo porque o PSdeG sempre apoiou que houbese un goberno progresista, socialista e de esquerdas para o conxunto do Estado».

En declaracións aos medios nos corredores do Parlamento Galego, Caballero quixo restar importancia ao feito de que acordo se producise após unha repetición electoral motivada pola falta de entendemento entre estas mesmas forzas, e emprazou a mirar «cara a adiante».

 

Común da Esquerda valora o acordo como o camiño para botar Feixoo

Para o grupo parlamentario Común da Esquerda, formado por Anova, Podemos e EU, o principio de acordo para un Goberno central alcanzado por PSOE e Unidas Podemos marca o camiño a seguir para botar Feixoo da Xunta.

A viceportavoz de Común da Esquerda Luca Chao expresou a súa satisfacción polo preacordo de goberno no Estado asinado esta terza 12 de novembro por PSOE e Unidas Podemos, un pacto que, para a tamén membra de Podemos, «marca claramente cal é o camiño para desaloxar a Feixoo da Xunta» nas eleccións galegas previstas para 2020.

 

Villares reclama que o acordo responda ás emerxencias da Galiza

O Goberno central que formen Unidas Podemos e PSOE debe, en opinión de Luís Villares, priorizar a derrogación da lei mordaza e da reforma laboral, así como asumir compromisos orzamentarios coa Galiza

O portavoz de En Marea e o grupo mixto no Parlamento da Galiza, Luís Villares, preguntouse se «facía falta unha repetición electoral e o ascenso da extrema dereita para que lles viñese o sentido» e alcanzasen un acordo de Goberno no Estado.

Villares reclamou como necesaria a «existencia dunha auténtica axenda galega para que os orzamentos de 2020 non cometan o mesmo agravio que os de 2019».

 

Esquerra sitúase no ‘non’ a Sánchez e emprázano a dialogar

A portavoz e secretaria xeral adxunta de ERC, Marta Vilalta, afirmou que a súa formación parte do 'non' á investidura de Pedro Sánchez, mais engadiu que, se o candidato de PSOE quere que Esquerra reconsidere a súa postura, ten que volver apostar polo diálogo e recoñecer que o problema en Catalunya non é interno e de convivencia, senón político e co resto de España.

«Ten que sentar e falar. Entender que aquí hai un conflito político que require dunha solución democrática e política. Se queren algo de nós téñense que sentar e falar, e, se non, non hai nada que facer», expresou Vilalta nos corredores do  Parlament, esta terza feira 12 de novembro en relación ao preacordo para a conformación dun Goberno no Estado alcanzado en PSOE e Unidas Podemos.

ERC abstívose no último debate de investidura de Sánchez, mais consideran agora que a situación cambiou e lembran que en xullo xa advertiron que no «escenario postsentencia do 1-O sería moito máis difícil».

Junts mantense no «non»

A cabeza de lista de JxCat no Congreso, Laura Borràs, mantivo esta terza 12 de novembro o 'non' do seu espazo político á investidura do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, e acusou a Podemos de comprar «o marco mental do 155» após o preacordo que alcanzaron.

O líder de Junts per Catalunya, Carles Puigdemont, empregou o sarcasmo para valorar o acordo alcanzado por PSOE e Unidas Podemos e cualificou Iglesias e Sanchez de «xenios» por repetir unhas eleccións que reforzaron a ultradereita para chegar a un acordo en 24 horas que hai días semellaba imposíbel.

A través da súa conta de Twitter, o ex president Carles Puigdemont e líder d JxCat, que conta con 8 actas no Congreso, valorou desde o exilio o preacordo alcanzado por Unidas Podemos e PSOE, e fíxoo tirando de ironía. «Son uns xenios», asegurou en referencia a Pedro Sánchez e Pablo Iglesias por conseguiren en 24 horas o que semellaba imposíbel na anterior lexislatura.

 

Para a CUP é un «erro» que se apoie o pacto

A formación independentista advirte que co apoio a PSOE e Unidas Podemos repetirase o esquema da transición, xa que se pedirá desmobilización ao independentismo axitando a «pantasma de Vox».

Desde o pasado domingo 10 de novembro a CUP ten dúas actas no Congreso dos Deputados e após coñecerse o principio de acordo entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias para a conformación dun Goberno central de coalición, o deputado independentista electo Albert Botran chamou a non caer no «erroۛ» do pacto entre as dúas forzas estatais.

Para Botran o acordo non vai servir para conseguir a autodeterminación, a amnistía das e dos presos soberanistas nin os dereitos sociais, e considera que estas cuestións só se logran grazas á mobilización.

O PNV non compromete o seu apoio mais amosa satisfacción

Desde o Partido Nacionalista Vasco saudaron o principio de acordo alcanzado. O portavoz jeltzale no Congreso, Aitor Esteban, lembrou que en reiteradas ocasións solicitaron desde o nacionalismo vasco que se chegase a un acordo entre ambas as dúas forzas estatais, e remarcou a «falta de responsabilidade» que tiveron UP e PSOE que abocou a novas eleccións.

Esteban non comprometeu aínda o voto do seu partido e pediu máis tempo para coñecer o contido e os compromisos de PSOE e Unidas Podemos antes de decantarse con máis claridade.