DISCURSO DE INVESTIDURA

Sánchez pide o apoio de Unidas Podemos para "sacar adiante o que nos une"

Sánchez pide o apoio de Unidas Podemos para "sacar adiante o que nos une"
Foto: Congreso
Foto: Congreso  

O candidato do PSOE inicia o debate coas negociacións con Unidas Podemos paralizadas. No seu discurso apelou a esta formación para traballar por “unha sociedade de homes e mulleres libres e iguais en harmonía coa natureza”. As referencias a Galiza centráronse na denuncia do crime machsita desta fin de semana en Vilalba e a lembrar cando o franquismo prohibía "o galego, o vasco e o catalán".


Cando Pedro Sánchez subiu á tribuna do Congreso español, minutos despois das doce do mediodía, as negociacións entre PSOE e Unidas Podemos para conformar un goberno de coalición estaban “paralizadas” ou ”encalladas”. O candidato socialista non deu mostras, ao longo das case dúas horas que durou a intervención, de que iso lle preocupase. Iniciou o seu discurso mandando unha mensaxe: “España xa decidiu entre esquerda e dereita o 28A”, polo que non sería iso o que se debatía na sesión desta segunda feira, senón “ter goberno ou non”. Pediu ao PP e Cs que “retiren as barreiras” e non impidan “que España teña goberno”. Mais a quen se dirixiu con maior claridade foi a Unidas Podemos. O presidente en funcións instounos a lograr un acordo porque, dixo, o que teñen por diante “vale moito a pena”. E que é iso que vale a pena? “Unha sociedade de homes e mulleres libres e iguais en harmonía coa natureza”, concluíu o candidato socialista.

Apelou o presidente en funcións a deputados e deputadas da oposición a que España non continúe no “bloqueo político”. Reclamou ser presidente para “facer efectivo o mandato das urnas” do pasado 28 de abril e mesmo, ao pouco de iniciar o discurso, puxo sobre a mesa a proposta dun pacto de Estado: reformar o artigo 99 da constitución española para que non volva ocorrer o bloqueo”.

Seis retos

O groso da intervención de Pedro Sánchez, porén, centrouse en debullar o que el situou como os seis retos aos que facer fronte nesta lexislatura. Unha lexislatura, indicou, na que debería afrontarse a “segunda gran transformación de España” que collese o relevo da primeira, que situou entre 1975 e actualidade.

Foi enumerando un por un eses seis retos, aos que el propio respondía após se preguntar “Onde queremos situar España?”. O emprego digno, a revolución dixital, atender a emerxencia climática, a igualdade real entre homes e mulleres; acabar coa desigualdade social e os desafíos globais foron os seis retos. A cada un, Sánchez replicaba citando medidas e propostas que, de ser investido, ía adoptar: desde un novo estatuto das traballadoras até o recoñecemento do dereito á educación ao longo de toda a vida; desde retirar o termo ‘diminuídos’ da CE até “mecanismos para predistribuír e redistribuír a riqueza” pasando por una Lei integral de protección da infancia contra a violencia ou novas garantías sanitarias. Até falou das casas de apostas “nos barrios máis desfavorecidos” e de “reparación ás vítimas da Guerra civil e a ditadura”. Levaba Sánchez ben aprendida a axenda de preocupacións do electorado da esquerda. 

O chamado ‘tema catalán’ apenas tivo lugar no discurso. O candidato limitouse a dicir que defendía unha “España unida e diversa, sen fronteiras” no marco europeo, mentres criticaba as que querían “levantar fronteiras” internas por ir “contra a historia”. Citou territorios, como, por exemplo, Cantabria (precisa o voto de PRC) e o seu déficit de infraestruturas, ou Madrid e o seu Madrid Central, que puxo de exemplo a exportar a outros erritorios. Da Galiza nada dixo, para alén de referirse a cando o franquismo  prohibía o galego, catalán e vasco . “Agora somos o segundo estado máis descentralizado do mundo”, remachou. A outra referencia, foi a condena ao asasinato machista de Mari Carmen Vázquez, esta fin de semana en Vilalba nun crime machista. 

Soberanía

O europeísmo, da UE, tinxiu boa parte da intervención. Puxo a UE como parangón de xustiza social, de cooperación, como exemplo de progreso. Chamou a avanzar “na arquitectura do Euro” e defendeu apostar en “máis España en Europa”. En consonancia co papel de “potencia media” (Sánchez dixit) do Estado español no mundo, falou do papel español nos diferentes continentes e conflitos, como en Venezuela, onde avogou no diálogo e en novas eleccións.

“Pido a confianza da Cámara, non en min, senón na sociedade española”, dixo ao concluír o seu discurso. O ramo puxérono as deputadas e deputados do PSOE aplaudindo en pé o discurso. As de Unidas Podemos ficaron sentadas. As negociacións continúan contrarreloxo.