PODEMOS PIDE A RENUNCIA DE HUERTA

Huerta foi condenado por defraudar a Facenda 218 mil euros

Huerta foi condenado por defraudar a Facenda 218 mil euros

[NOTICIA ACTUALIZADA] O ministro de Cultura vai comparecer perante os meios ás 19 horas, o que reaviva os ruxe-ruxe sobre a súa hipotética demisión após se coñecer que cometeu fraude fiscal. El País avanza que Huerta xa tería anunciado a súa renuncia á xente da súa contorna.


Màxim Huerta tería defraudado un total de 218.322 euros por meio dunha sociedade que estabeleceu en 2006.A cantidade defraudada corresponderíase aos exercicios 2006, 2007 e 2008 e ten a ver cos ingresos que obtivo o agora ministro pola súa participación no programa de Ana Rosa Quintana en Telecinco.

 

A fraude consistiría en tributar ingresos de traballo como se fosen do capital, isto é, en acollerse ao imposto de sociedades (cun tipo de 20 por cento) no canto do IRPF (cun tipo marxinal, o que a el lle correspondería, de 48 por cento).

 

A xustiza estabeleceu que non existiu "boa fe na súa actuación" e Huerta tivo que facer fronte a unha multa.

 

Sánchez pediu explicacións ao ministro e, segundo algunhas fontes da Moncloa, achounas "ben fundadas", o que afastaría a hipótese do seu cesamento. Porén, a súa situación dista de ser clara e a ministra de Defensa, Margarita Robles, xuíza, declarou: "Non teño elementos de xuízo a respeito de ninguén para poder facer un pronunciamento neses termos". Nun sentido ben distinto pronunciouse tamén a número 2 de Sánchez no PSOE e portavoz parlamentar, Adriana Lastra, quixo quitar ferro: "Eran unhas deduccións que el fixo e que non se podían facer mais xa está solucionado", dixo nunha entrevista en RNE.

 

Por súa parte, Pablo Iglesias pide a dimisión do ministro: "Non imos alentar comportamentos que lembren o PP. Se Máxim Huerta tratou de defraudar a Facenda ten que demitir inmediatamente e se non, Sánchez ten que destituílo".

 

As explicacións de Huerta

 

A versión de Màxim Huerta sobre este asunto chegou en forma de declaracións à SER. A respeito das sentenzas condenatorias, repuxo: "Non defraudei. O que houbo foi unha mudanza de criterio [das normas fiscais que lle eran de aplicación]. As palabras son importantes". O ministro afirmou que regularizou a súa situación e que "a mudanza de criterio" afectouno a el e a "centos de persoas", nomeadamente criadores e persoas da cultura. "Adapteime a esa mudanza de maneira rápida e directa".

 

Perguntado por que non informou a Pedro Sánchez sobre as súas irregularidades cando este lle ofereceu o ministerio de Cultura, explicou que non o fixo porque se trataba dun "asunto persoal" e que non lle vira sentido "compartir con Pedro Sánchez algo que estaba resolvido hai moitos anos".

 

Esta mesma cuarta feira, co ruído da fraude fiscal xa en todos os meios, Huerta tivo unha conversa con Sánchez. "Díxenlle seis palabras: teño as miñas obrigas tributarias ao corrente", informou, ao tempo que sinalou que o seu proceder foi transparente en todo momento e que neste asunto "non hai nada escuro".

 

Conferencia de imprensa ás 19 horas

 

Mais as súas declaracións perante a SER non fecharon o asunto e o ministro, perante a presión exercida sobre el, optou por convocar unha conferencia de imprensa ás 19 horas.

 



x