O CANDIDATO RECORRE AO TRIBUNAL EUROPEU DE DD HH

Sánchez esgota todos os recursos mentres no horizonte aparece o espectro de novas eleccións

Sánchez esgota todos os recursos mentres no horizonte aparece o espectro de novas eleccións
Sànchez
Sànchez  

Jordi Sànchez vai recorrer perante o Tribunal Supremo, mais tamén perante o Tribunal Europeu de Dereitos Humanos, o veto do xuíz Llarena á súa presenza física no pleno de investidura.


Roger Torrent, president do Parlament, resolveu a pasada sexta feira aprazar a sesión de investidura de Sànchez, inicialmente prevista para esta segunda feira 12M. O adiamento é sine die, á espera de o Tribunal Europeu de Dereitos Humanos resolver sobre as medidas cautelares instadas polo preso político.

 

En todo caso, nos ambientes políticos e mediáticos do independentismo dáse por amortizado que a sala segunda do Tribunal Supremo resolverá en contra de Sànchez e, portanto, inviabilizará a súa elección como president, pois que previamente o Tribunal Constitucional se preocupara de colocar como requisito previo para calquera investidura a presenza física do candidato no hemiciclo.

 

Se o TS viñer a confirmar a decisión de Llarena, que alternativas ten perante si o bloco soberanista? Basicamente tres: a) propor un candidato alternativo a Sànchez envolvido no dossier xudicial contra o independentismo, podería ser Jordi Turrull; b) propor un candidato non comprometido polas investigacións do Supremo e c) ir a novas eleccións.

 

Nas hipóteses a) e b) o bloco JxCat e ERC ten un problema previo a resolver: precisan do apoio da CUP. A candidatura anti-capitalista vetou Sànchez por ver nel un perfil autonomista, mais a formación reúne o sábado 17M para avaliar a nova oferta "republicana" realizada conxuntamente polas formacións de Puigdemont e Junqueras.

 

A hipótese da que menos gostan as marcas soberanistas é a de voltar a convocar as urnas, nomeadamente porque o máis probábel é que para a altura en que se realizarían -unha incógnita- nen Puigdemont nen Junqueras poderían ser candidatos, sendo que todo indica que no curso do actual proceso xudicial acabarán sendo inhabilitados polo Tribunal Supremo.

 



x