CONGRESO DE ESQUERRA, O 15S

O sector de ERC de Tardá e Rufián defende gobernar Catalunya cos comúns

O sector de ERC de Tardá e Rufián defende gobernar Catalunya cos comúns
Rufián e Tardá
Rufián e Tardá  
Eleccións xa e fin da dinámica de bloques, independentistas face unionistas. Formación dun goberno de frente ampla que se abra aos comúns de Ada Colau. Iso é o que propón o sector de ERC nucleado arredor de Joan Tardà e Gabriel Rufián

NacióDigital revelou esta quinta feira, en exclusiva, un documento político facturado na contorna de Tardà e Rufián en que a efectos prácticos se postula o fin da unidade de acción independentista e advógase por un goberno de base ampla coa participación dos comúns de Ada Colau, defensores do dereito a decidir —da realización dun referendo de autodeterminación—mais non da criación dun Estado catalán independente.

O documento condensa a posición que Tardà e Rufián defenderán no congreso de ERC a se realizar no próximo 15 de setembro. Tardá, ex portavoz de Esquerra nas Cortes Xerais do Estado, sería a ollos do seu sucesor na cámara baixa o candidato ideal da formación republicana á presidencia da Generalitat. Rufián xa ten dito que nese contexto apoiaría unha coalición cos comúns no Govern.

Acerca da data das eleccións, Tardà ten suxerido que se convoquen inmediatamente a seguir que se coñeza a sentenza do xuízo ao que foron submetidos na sala penal do Tribunal Supremo as presas políticas independentistas.

No congreso do 15S, vaise presentar unha única candidatura á liderenza do partido, a do dueto formado polo preso político Oriol Junqueras e a exiliada Marta Rovira. Non haberá, pois, debate sobre a dirixencia, mais si sobre a estratexia a seguir polo partido. Nese sentido, as fontes do aparato de ERC consultadas por NacióDigital esforzáronse por esclarecer que o documento obedece ao posicionamento dun grupo de militantes, sen necesariamente ter por que reflectir a postura oficial de Esquerra.