Sectores dos Comúns avalan un acordo con Valls para impedir un alcalde independentista en Barcelona

Sectores dos Comúns avalan un acordo con Valls para impedir un alcalde independentista en Barcelona
Ernest Maragall
Ernest Maragall  

Unha operación Barcelona en Comú-PSC-Valls sumaría asentos suficientes (a maioría absoluta está en 21) para abortar o acceso de Ernest Maragall, o candidato máis votado, ao buque insignia do municipalismo catalán, a alcaldía de Barcelona.


Nas últimas horas erguéronse voces no seo dos Comúns favorábeis a explorar todas as vías aritméticas que viabilicen a continuidade de Ada Colau á fronte da Alcaldía, entre elas a do ex deputado no Congreso Raimundo Viejo.

A suma que podería afastar Ernest Maragall do bastón de mando (o ex dirixente do PSC avantaxou Colau en apenas 4.833 votos, con empate a 10 escanos) sería a constituída polos 10 asentos de BeC, os 8 do PSC e 3 dunha hipotética escisión de Ciudadanos que lideraría Manuel Valls se o partido de Rivera, como parece evidente que fará, pacta en Madrid con Vox.

O PSC de Miquel Iceta lidera a presión sobre Colau para que esta se desdiga dos seus ataques a Valls durante a campaña —retratouno como o candidato das elites económicas da cidade— e se aveña a recibir os seus votos para desbancar Maragall.

Maragall só podería ser alcalde con maioría absoluta se os Comúns aceptasen unha operación a tres bandas con Junts, a antiga Convergència, mais Colau ten dito por activa e por pasiva que a súa preferencia é unha solución "progresista", ou sexa, un tripartito "transversal" que vaia de ERC ao PSC. Problema? Que por esa vía non queren transitar nin republicanos nin socialistas.

Se finalmente Colau non sucumbe ás presións e rexeita o acordo con Valls, o verosímil sería un goberno en minoría de Maragall. ERC aínda confía en sumar unha nova acta se o reconto definitivo (a realizarse esta cuarta feira, xa cos votos do censo de residentes ausentes) deixa os dous concelleiros do PP fóra da Praça de San Jaume. O partido conservador paséase perigosamente polo gume da navalla, pois superou polos pelos o limiar do 5 por cento.

Segundo a lexislación española, na eventualidade de ningunha candidatura obter en primeira ou segunda volta a maioría absoluta dos votos, fica investido alcalde ou alcaldesa o/a aspirante que obtivese máis votos nas urnas. Neste caso decidiría a prol de ERC o colchón de 4.833 votos cos que Maragall se impuxo in extremis a Colau.