A AUTOPSIA ESTABELECE QUE NA MORTE NON "INTERVIÑERON TERCEIRAS PERSOAS"

Segundo Wikileaks, o fiscal Nisman, morto en aparente suicidio, informaba á Embaixada dos EUA

Segundo Wikileaks, o fiscal Nisman, morto en aparente suicidio, informaba á Embaixada dos EUA
Alberto Nisman
Alberto Nisman  

En 2010 a páxina web de Julian Assange revelou 196 cabos do Departamento de Estado dos EUA sobre o atentado de 1985 que se saldou coa morte de 85 persoas pertencentes á comunidade hebrea en Bos Aires.


De acordo con Wikileaks, o fiscal Natalio Alberto Nisman, que apareceu morto o domingo 18 de xaneiro, no baño da súa casa, após un aparente suicidio, visitou con frecuencia a embaixada dos EUA, discutía con funcionarios norteamericanos detalles da causa e até lles facía chegar documentos legais antes de seren apresentados perante a xustiza do seu país.

O xornalista Santiago O'Donnell publicou en Página 12 un artigo o 17 de Febreiro de 2013 en que mostra a súa convicción de que a causa contra "terroristas" iranianos como pretensos autores do atentado de 1985 [coñecido polo acrónimo AMIA (Asociación Mutua Israelita Arxentina)] foi impulsada e alentada polos EUA. "Distintos funcionarios estadounidenses mantiveron numerosos contactos co fiscal encarregado de levar adiante a pescuda, Alberto Nisman. Neses contactos, os estadounidenses deixaron claro que non dubidaban da culpabilidade dos sospeitosos iranianos acusados pola fiscalía e teimaron en que Nisman deixase de lado a chamada pista siria e a chamada conexión local porque seguir esas pistas podería debilitar o caso internacional conta os acusados iranianos". Como reaxiu Nisman perante as demandas norteamericanas? O'Donnell esclaréceo: "O fiscal sempre se mostrou solícito perante os pedidos e consellos da embaixada, a tal punto que moitas veces era el quen iniciaba o contacto, din os cabos, para pedir información".

Nisman puxo dúas veces o foco na Casa Rosada, primeiro en 2008 en Carlos Ménem, agora recentemente en Cristina Fernández Kirchner

Santiago O'Donnell é o editor da sección internacional de Página 12 e ten unha relación moi estreita con Julian Assange, até o ponto de que o criador de Wikileaks lle entregou persoalmente a información que vincularía a embaixada dos Estados Unidos coas investigacións sobre o AMIA. O xornalista arxentino reférese a este asunto nos seus libros Argenleaks e Politleaks.

En declaracións recentes a Radio América, O'Donnell afirma: "Os cabos [revelados por Wikileaks] demostran que [o fiscal] non atuou con independencia da embaixada dos EUA (...). Antecipaba á embaixada o que ía facer e a embaixada lle dicía o que tiña de facer".

No curso das súas investigacións, en 2008 Nisman puxo o foco por dúas veces na Casa Rosada. Primeiro, ordenou a detención do ex presidente Carlos Ménem, canda a do ex xuíz Juan José Galeano (a actuación contra Ménem bateu coa oposición do FBI). Xa en 2015, a semana pasada, o fiscal levantou acusacións contra a actual presidenta, Cristina Fernández Kirchner, canda varios membros do seu goberno e do seu partido.

“Nisman díxome que toda a info lla dá Stiusso, que é o enlace coa CIA e o Mossad", afirma Santiago O'Donell, autor de Argenleaks e Politleaks

A imputación é que Kirchner tería chegado a un pacto con Teherán para, a troca de favores comerciais, outorgar impunidade aos axentes iranianos que supostamente terían perpetrado o atentado.

Naturalmente, o goberno arxentino nega as acusacións e afirma que un eventual acordo con Irán se condiciona á hipótese de que se puidese investigar os sospeitosos en chan iraniano, extremo este que está lonxe aínda de se concretizar.

Fontes gobernamentais dan crédito á tese de que detrás das pesquisas de Nisman se achen os servizos secretos dos EUA.

A este respeito, O'Donnell ten escrito que Nisman traballou durante anos con Antonio Stiles, máis coñecido como Jaime Stiusso, ex director xeral de Operacións da Secretaría de Intelixencia. Stiusso estivo 42 anos nos sumidoiros da intelixencia arxentina, incluíndo 7 anos durante a dictadura militar, período en que desapareceron 30.000 persoas na Arxentina.

Stiusso está considerado como un espía moi próximo á CIA e ao Mossad. Así o apunta O'Donnell nunha entrevista na Radio Nacional arxentina:  “Nisman díxome que toda a info lla dá Stiusso, que é o enlace coa CIA e o Mossad"-

Circunstancias da morte de Nisman

Mentres, continúan as pesquisas para esclarecer as circunstancias en que se produciu a morte de Nisman.

Informa esta terza feira Página 12, nunha peza asinada por Raúl Kollman, que segundo a autopsia na morte de Nisman "non interviñeron terceiras persoas".

Explica Página 12 que Nisman puido ver seriamente afectado o seu estado de ánimo, nas vésperas da súa comparecencia no Congreso, cámara lexislativa á que se comprometera a trasladar a súa denuncia contra Kirchner, após o ex secretario xeral de Interpol, Roland Noble, e o xuíz da causa, Rodolfo Canicoba, teren descualificadas -por falsas ou pouco fundamentadas, respectivamente- as denuncias do fiscal.