SEN APOIO DO PARLAMENTO

A senadora opositora Jeanine Áñez proclámase presidenta de Bolivia

A senadora opositora Jeanine Áñez proclámase presidenta de Bolivia

“Bolivia está a ser albo dun asalto ao poder do pobo", dixo Evo Morales desde México, país que acolleu o ex presidente. A senadora non tivo o apoio do Parlamento para designarse nova mandataria do país. 


A senadora boliviana Jeanine Áñez, de 52 anos, dura opositora do ex presidente Evo Morales, asumiu a presidencia provisional do país embora a falta de quórum no Congreso. As e os deputados polo Movemento para o Socialismo (MAS) boicotearon o acto e o ex presidente acusouna de ser "unha senadora golpista da dereita".

Elixida polo conservador partido do Movemento Social Democrático, Jeanine Áñez foi a vicepresidenta segunda do Senado. Apresentouse para a sucesión do presidente após a dimisión o domingo, de Morales, do vicepresidente e  dos restantes líderes do Senado e da Cámara de Representantes.

Na súa intervención inaugural, Jeanine Áñez dixo que Bolivia non podería ficar sen liderado e prometeu organizar eleccións canto antes. "Ante a ausencia permanente do presidente e do vicepresidente, e como presidenta da Cámara dos Senadores, asumín inmediatamente a presidencia segundo o previsto na Constitución", dixo Áñez. Após tomar posesión, dirixiuse ao Palacio de Goberno portando unha biblia de gran tamaño. "A biblia volve a Palacio", reivindicou. 

Morales denuncia un "asalto ao pobo"

Desde México, país que lle deu refuxio, Evo Morales condenou os actos que levaron á súa dimisión e á proclamación de Jeanine Áñez como presidenta interina e cualificounos coma "o golpe máis nefasto da historia".

"Esta proclamación socava os artigos 161, 169 e 410 da Constitución, que determinan a aprobación ou a desaprobación dunha dimisión presidencial, a sucesión constitucional nas presidencias do Senado e a Cámara de Representantes e a supremacía da Constitución", dixo Morales.

“Bolivia está  a ser albo dun asalto ao poder do pobo", acrecentou.