PAINEL DE ANALISTAS SOBRE O CONFLITO CATALÁN

Unha sentenza que “ameaza” as liberdades civís en todo o Estado

Unha sentenza que “ameaza” as liberdades civís en todo o Estado
A data do 14 de outubro de 2019 pasará á historia como un momento que suporá –supón, xa– un antes e un despois para a democracia española. A Sala Segunda do Tribunal Supremo fixo pública nese día a sentenza no xuízo contra as e os líderes do ‘procès’. Os seus sete membros, seis homes e unha muller, catro do sector ‘conservador’ e tres do ‘progresista’, estabeleceron penas que van dos 9 aos 13 anos de cárcere por un delito de sedición, ao que se suma o de malversación nalgúns dos casos. Foron numerosas as relevantes voces que se fixeron oír tanto dentro como fóra do Estado para criticar unha decisión xudicial que “atenta contra os dereitos políticos” da cidadanía. Sermos Galiza falou con varias expertas e expertos de Catalunya para nos ofreceren unha breve análise da situación. Eis un estrato da peza publicada no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza.

m5_InternacionalQue valoración fai do fallo do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do procès?

Carla Vall Avogada e asesora de Políticas Públicas

Salientan as limitacións que impón o dereito sobre a democracia. Tamén o bloqueo da vontade popular para exercer o dereito á autodeterminación que, á súa vez, se ve limitado polo que consideran que non pode nin debe ser desobediencia civil. É curioso ver como o Tribunal recolle os distintos exemplos constitucionais europeos segundo os cales a indivisibilidade do Estado é un principio básico, mais en troques non fai o mesmo sobre as premisas legais que operarían no caso de atacar devandito principio.

Silvio Falcón Profesor de Ciencia Política na Universitat de Barcelona

 É unha vinganza, co Estado tentando aplicar a máxima forza. E é exemplificadora. O Estado quere mandar unha mensaxe para as vindeiras xeracións e para o futuro do liderado do independentismo. Por unha banda é unha vinganza contra os líderes do procès, e polo outra, ten esa condición de mensaxe a futuro, que ademais o que fai é estreitar o panorama dos dereitos civís e políticos no Estado español.

David Minoves Presidente do Centro Internacional Escarré para as Minorías Étnicas e Nacionais (CIEMEN)

Envía unha mensaxe a todos os demócratas e especialmente aos independentistas: non todas as opcións políticas son benvidas no Estado español. Hai un punto de vinganza e é un aviso para navegantes para os que defendan unha proposta política, que só se acepta nun marco teórico, non como opción transitábel. E báixase moito o límite do que se consideran dereitos civís e políticos: o delito de sedición para Jordi Cuixart e Jordi Sànchez está vinculado á convocatoria dunha manifestación, así que calquera manifestación cualificada polas forzas policiais como tumultuaria pode ser definida como sedicios.

Anna Boza Avogada e profesora na Universitat de Barcelona

A nivel xurídico, entendo que non concorren os requisitos do delito aplicado de sedición. Enténdoo como un delito de finalidade inmediata e que non se pode ir alongando no tempo, tal e como nos formulan na sentenza. Forzan os requisitos do delito que queren aplicar a uns feitos que eles entenden así. O 544 é un tipo penal concreto que non coincide cos feitos que eles dan por probados. 

Marcel Mauri Portavoz de Òmnium Cultural

É moi perigosa. Implica un retroceso sen límites de dereitos para calquera activista do Estado español. A partir de agora tentar parar un desaloxo ou estabelecer un piquete pode implicar o delito de sedición. No caso de Òmnium Cultural é unha salvaxada: 12 anos de cárcere para o noso presidente (Jordi Cuixart), o presidente da entidade cívico‑cultural máis grande de Europa, desprezado por exercer a desobediencia civil pola que avoga e pola que está disposto a asumir as consecuencias.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 368 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]