Serio revés diplomático para o Estado: Suíza anuncia que non extraditará Anna Gabriel

Serio revés diplomático para o Estado: Suíza anuncia que non extraditará Anna Gabriel
Anna Gabriel
Anna Gabriel  

O goberno helvético anuncia que non extraditaría Anna Gabriel, caso de receber unha petición expresa española nese sentido, porque a súa lexislación non contempla a entrega de persoas a outros estados cando se trata de delitos políticos. É un duro golpe para Madrid.


A extradición está excluída por razóns políticas e só é de aplicación cando concorren circunstancias de violencia, como nos casos de xenocidio ou crimes de guerra ou contra a humanidade, avanzou este mediodía Folco Galli, portavoz do Departamento de Xustiza de Suíza, quen apelou o artigo 3 da lei Federal helvética sobre asistencia mutua internacional en materia penal. 

A entrega de Anna Gabriel -a ex parlamentar da CUP declarou esta segunda feira que avaliaba a hipótese de demandar asilo político a Suíza- non ten visos de se materializar embora a lexislación helvética si contempla a existencia de crimes contra o Estado e a defensa nacional. "A cuestión decisiva é a de que se trata dun delito político, polo cal, de acordo co convenio europeu sobre extradición e as leis suízas, se exclúe" da listaxe de casos susceptíbeis de aplicación da norma que permitiría a posta de Gabriel a disposición das autoridades españolas.

Mentres tanto, e perante a anunciada incomparecencia de Gabriel esta cuarta feira na súa citación perante o Tribunal Supremo, o xuíz Pablo Llarena ditou unha orde nacional (sic) de detención contra a soberanista, paso previo para instar a súa extradición.