Sétima condena ao Estado español por non investigar as torturas policiais

Sétima condena ao Estado español por non investigar as torturas policiais
[Tribunal europeo de dereitos humanos]
[Tribunal europeo de dereitos humanos]  SG

O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos fallou a favor de Patxi Arratibel que fora detido pola Garda Civil en 2011.


O TEDH condenou esta terza feira, por sétima ocasión, ao Estado español por non ter investigado a denuncia de torturas presentada polo cidadán basco, Patxi Arratibel quen foi detido pola Garda Civil en 2011 acusado de facer parte da organización Ekin. 

Arratibel denunciou, xa naquela altura perante as instancias xudiciais españolas, ter padecido torturas físicas e psicolóxicas durante o período de incomunicación. Entre os feitos denunciados atópanse "golpes por todo o corpo", "simulacros de violación" e a aplicación de "electrodos" para alén de ameazas. 

Porén, a súa demanda non foi escoitada aínda despois de sinalar que nunha das declaracións policiais asinadas escribira , xunto á súa sinatura, a palabra 'aztnugal', 'Laguntza' ao revés que en euskera significa 'axuda'. 

Arratibel denunciou ter padecido torturas físicas e psicolóxicas durante a incomunicación

Agora, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos dálle a razón e condena ao Estado español por non ter investigado a denuncia. Neste senso, sinala que a pescuda desenvolvida polas institucións españolas "non se fixo a fondo nen foi efectiva". Aliás, o Tribunal lémbralle a España que durante o período de incomunicación exíxese "un esforzo máis importante por parte das autoridades" para "determinar os feitos denunciados" debido á "vulnerabilidade" da persoa detida. 

Con esta sentenza referida ao caso de Arratibel, suman xa sete as sentenzas condenatorias ao Estado español por non investigar torturas policiais. Seis delas referentes a cidadás e cidadáns bascos: Mikel San Argimiro (2010);  Iker Beristain (2010); Martxelo Otamendi (2012); Beatriz Etxebarria e Ohian Ataun (2014). Outra --a primeira-- tivo lugar no 2004 e facía referencia á detención de 45 persoas no marco dos Xogos Olímpicos de Barcelona'92. Foran acusadas de pertenza a Terra Lliure nun operativo dirixido polo xuíz Baltasar Garzón.