Siria retomará as negociacións de paz o 10 de febreiro


Siria retomará as negociacións de paz o 10 de febreiro

Goberno e forzas opositoras reuniranse co Grupo de Acción creado polas Nacións Unidas, en Xenebra. As conversas procurarán avanzar no proceso de paz que poña fin ao conflito armado que atinxe o país desde hai 3 anos. 

O 10 de febreiro comezará a segunda rolda de Xenebra II, como se coñecen as negociacións de paz para a resolución do conflito sirio. A xuntanza --que se prolongará durante unha semana, visa dar continuidade ao acordo alcanzado polo Grupo de Acción para Siria en xuño de 2013, documento que foi aceptado por ambas as dúas partes como base para as negociacións.

Neste senso, tanto o goberno de Bashar al-Assad como a Coalición Nacional de Forzas da Oposición confirmaron a súa asistencia. Xunto a eles, Rusia e os EUA --promotores das negociacións-- participarán das conversas. 

Al-Assad rexeita a creación dun goberno de transición e as forzas opositoras debater sobre o terrorismo

A nova rolda procurará desbloquear os contactos iniciais que se viron paralizados pola negativa da oposición a aceptar a proposta gobernamental dun pacto contra o terrorismo. Ao tempo, Bashar al-Assad asegurou que non dará cumprimento a un dos puntos fundamentais do Comunicado Xenebra I e é que o goberno sirio non apoia a creación dun goberno de transición que pilote o proceso de paz e ao que o Grupo de Acción visa outorgar "plenos poderes". 

O goberno lembra que o único axente capacitado para mudar o réxime vixente no país é "o pobo sirio" e reitera que o primeiro chanzo para encetar o proceso de paz é a loita contra "o terrorismo", cuestión que apoiou o enviado especial da ONU en Siria, Lajdar Brahimi. 

Damasco di que rematarán o desarme nuclear o 1 de marzo

No entanto, outra das cuestións máis agardadas polas forzas internacionais --nomeadamente polos EUA-- reside no cumprimento por parte do goberno de Bashar al-Assad do compromiso de desarme alcanzado por Siria, en cuxa aceptación xogou un papel fundamental a diplomacia rusa. Neste senso, desde Washington critican que aínda non se teñan producido o desarme químico. Porén, Siria e Moscú aseguran que a destrución se completará o 1 de marzo cando as substancias tóxicas sexan entregadas ás institucións internacionais. 

"Os sirios anunciaron que a eliminación dun grande cargamento de substancias químicas está prevista para febreiro", indicou Gennady Gatilov en declaracións á axencia de noticias siria RIA o ministro de Asuntos exteriores ruso.