ELECCIÓNS 12-D

O SNP apoiaría o Partido Laborista en troques dun segundo referendo

O SNP apoiaría o Partido Laborista en troques dun segundo referendo
A primeira ministra escocesa e líder do SNP, Nicola Sturgeon, esta sexta feira en Edimburgo [Europa Press]
A primeira ministra escocesa e líder do SNP, Nicola Sturgeon, esta sexta feira en Edimburgo [Europa Press]  

As enquisas dan aos nacionalistas escoceses unha contundente vitoria nas lexislativas. Por outra banda, unha sondaxe mostra que 50% da poboación británica pensa que o Reino Unido deixará de existir nunha década.


O Partido Nacionalista Escocés (SNP, polas súas siglas en inglés) apoiaría «unha coalición progresista» co Partido Laborista no caso de que as eleccións lexislativas do vindeiro 12 de decembro non outorguen a maioría a ningún partido. En troques, os nacionalistas escoceses esixirían un segundo referendo de independencia en Escocia.

sdfsfsf

O anuncio fíxoo a líder do SNP, Nicola Sturgeon, esta sexta feira, 8 de novembro, nun acto electoral na capital do país, Edimburgo. Nos pasados comicios, de 2017, os nacionalistas escoceses fixéronse con 35 dos 59 asentos en xogo en Escocia, mais as enquisas apuntan que desta volta o seu resultado será similar ao de 2015, cando se fixeron con 56.

Desintegración do Reino Unido

Por outra banda, segundo unha sondaxe publicada tamén esta sexta feira, 50% da poboación británica considera que no período dunha década o Reino Unido xa non existirá como tal. O referendo do Brexit de 2016, gañado por 52%, é unha das principais razóns que explican este dato: Escocia e Irlanda do Norte votaron ficar, e Inglaterra e Gales, marchar.

Á mesma pregunta, a sondaxe reflectía en 2014 -data do referendo de independencia en Escocia, no que 55% votaron pola permanencia- que a porcentaxe de poboación británica que auguraba a desintegración en dez anos do Reino Unido -unido desde a sinatura do Tratado da Unión en 1707- era de 43%.