O SNP promove a censura ao Goberno May ante o tímido ataque de Corbyn á primeira ministra

O SNP promove a censura ao Goberno May ante o tímido ataque de Corbyn á primeira ministra
Nicola Sturgeon, a líder do SNP
Nicola Sturgeon, a líder do SNP  

A iniciativa do Labour Party limitábase a unha censura formal, sen consecuencias políticas seguras, á primeira ministra. Nos usos do Parlamento británico hai dúas mocións de non confianza (censura) posíbeis. Unha contra a prime minister, que a nada obriga, nen sequer a súa celebración. Outra contra o conxunto do "goberno da súa maxestade", que si se ten que verificar na cámara e que pode abocar o país a eleccións antecipadas. Ao apostar Corbyn timidamente pola primera vía,  o SNP —con 35 asentos en Westminster— tomou a iniciativa e lidera unha moción de censura a todo o executivo.


No Reino Unido é perfectamente posíbel que un partido independentista —o Scottish National Party— promova unha moción de non confianza ao goberno do estado conxuntamente cunha formación de ámbito estatal, os Liberais Demócratas, que non hai tanto tempo gobernaba en coalición co Conservative Party naquela altura dirixido por David Cameron. Sería tanto como se ERC formulase unha censura a un goberno español da direita co apoio de Ciudadanos. O que é quimérico no estado español nos usos parlamentares británicos é algo perfectamente normal.

A moción de non confianza ao goberno de May foi rexistada esta terza feira polo SNP, os Lib Dem (12 asentos na cámara), os independentistas galeses do Plaid Cymru (4) e os Verdes de Inglaterra e Gales (1).

A diferenza básica entre esta moción e a que o Labour Party apresentou a Theresa May como primeira ministra é que aquela si se vai substanciar (a da prime minister depende da vontade política desta) e a súa aprobación podería ter como resultado final a convocatoria de eleccións anticipada sempre que no prazo de 14 días após o seu triunfo en Westminster o goberno non conseguise recuperar a moción da cámara.

Pode triunfar a moción? É dubidoso. É certo que o Conservative Party está profundamente dividido (117 parlamentares votaron contra May na moción de confianza interna realizada o pasado 13 de setembro), mais a perspectiva de ir a eleccións bota para atrás os tories, que xa non desbotan a imaxe dun Jeromy Corbyn a entrar en Downing Street.

Desde os cuarteis xenerais do Partido Laborista o que se afirma é que a formación non desbota apresentar unha moción de censura ao conxunto do goberno e que o farían se finalmente May bloquea o debate da que lle foi formulada especificamente contra ela.



x