O SNP reclamará poderes fiscais e na seguridade social

O SNP reclamará poderes fiscais e na seguridade social

Nicola Sturgeon asegura que "a voz de Escocia debe ser ouvida" após facerse con 56 dos 59 escanos escoceses en Westminster.


A xefa do goberno escocés, Nicola Sturgeon, marcou as prioridades da súa organización de cara á nova lexislatura do Parlamento británico. Neste senso, Sturgeon asegurou que logo de teren conseguido 56 dos 59 escanos escoceses en Westminster "a voz de Escocia debe ser ouvida" polo que reclamou máis poderes fiscais e na seguridade social. 

Sturgeon sinalou nunha entrevista concedida á BBC que discutirán co primeiro ministro inglés, David Cameron, a "devolución de poderes sobre os impostos das empresas, o emprego, o salario mínimo, a seguridade social, porque esas son as pancas que precisamos para facer medrar a nosa economía, levar as persoas a atopar emprego, a pagar impostos e a saír da pobreza". 

Após os comicios, Sturgeon presentou o SNP como a principal forza da oposición. Unha posición que usará para presionar o goberno de Cameron a ampliar a transferencia competencial a Escocia para alén dos poderes delineados pola Comisión Smith, creada logo do referendo de autodeterminación de 2014.