O SNP ten a chave de Downing Street

O SNP ten a chave de Downing Street
Nicola Sturgeon, a líder do SNP
Nicola Sturgeon, a líder do SNP  

O SNP sairá extraordinariamente fortalecido das eleccións lexislativas a realizar no Reino Unido o próximo maio, de acordo con todos os inquéritos. Os conservadores presionan os laboristas para que recusen todo acordo cos nacionalistas escoceses. Miliband resístese.

De acordo co último inquérito publicado por The Guardian, Ed Miliband só sería primeiro ministro se alcanzase algún tipo de acordo parlamentario co SNP.

Esta semana, o líder laborista dixo desbotar un goberno de coligazón cos nacionalistas escoceses, após sofrer unha intensa presión política por parte de David Cameron. Os tories trasladaron á opinón pública que o Labour, de chegar a un acordo co SNP, estaría secuestrado por unha formación independentista que ten como único horizonte político abandonar o Reino Unido.

Mais Miliband deixa unha porta aberta a algún tipo de acordo parlamentario. E argumenta que fechar todo diálogo co SNP sería tanto como excluílos de Westminster. Unha fonte laborista dixo a The Guardian que se negar a falar co SNP non ten moito sentido a non ser que o que se pretenda é botar a formación escocesa da vida política inglesa, o que sen dúbida daría aínda máis azos ao independentismo en Escocia.

O certo é que as enquisas son espectaculares para o SNP. Dos 59 escanos que se poñen en xogo en Escocia, a enquisa de The Guardian dálle 53. Os laboristas ficarían, no conxunto co Reino Unido, con 269, 8 menos que os conservadores. Aliás, os tories non chegarían á maioría absoluta cos seus actuais parceiros do Partido Liberal Demócrata, que obtería apenas 25 asentos en Westminster.

A chave da gobernabilidade en Londres teríaa, pois, un partido independentista.