A ULTRADEREITA SOBE 13 ESCANOS MAIS NON SERÁ DECISIVA

A socialdemocracia sueca gaña as eleccións co peor resultado da súa historia

A socialdemocracia sueca gaña as eleccións co peor resultado da súa historia

As dinámicas electorais europeas atópanse en proceso de homologación. Suecia, o país que fixo do Estado do benestar un emblema, non é allea. A socialdemocracia colleitou onte os peores resultados da súa historia, a ultradereita ascendeu ate o 17,9% dos votos e a Esquerda pasou dos 21 aos 28 deputados.
 


Porén, o Partido Socialdemócrata foi o máis votado, cun 28,4%, mais baixou de 113 a 101 escanos. Seguiuno o Partido Moderado —afiliado ao PP europeo—, que tamén rexistrou unha caída nos apoios: quedou en 19,8% dos votos e con 70 parlamentarios, fronte aos 84 que acadara en 2014. A terceira posición foi para a extrema dereita dos Demócratas Suecos: 17,9% dos sufraxios e o paso dos 49 aos 62 asentos no Parlamento.

As migracións centraron boa parte da campaña electoral, en parte debido á imposición da axenda da ultradereita no debate público. Aínda así, os resultados dos Demócratas Suecos non chegaron aos niveis de terremoto político previsto por algúns analistas. Non será decisiva, porque non suma votos suficientes coas formacións conservadoras.

A Esquerda, organización derivada do Partido Comunista Sueco e membro do Grupo da Esquerda Unitaria, situouse na quinta posición con 7,9% dos sufraxios —cuartos foron o Centro, co 8,6 e 31 deputados.

A división en campos rexistra unha axustada vitoria da esquerda e o centro esquerda: 144 escanos e o 40,6% do voto. A ultradereita e a dereita suman o 40,3% e 143 parlamentarios. Na pasada lexislatura, gobernaron os socialdemócratas en coalición cos Verdes —que onte obtiveron o 4,3% e viron a súa representación reducida de 25 a 15 asentos— e co apoio parlamentario da Esquerda.

Nota: engadimos a porcentaxe de voto e os escanos do Partido Socialdemócrata após a advertencia dun lector.



x