ELECCIÓNS GREGAS

Syriza, camiño de consolidarse como a outra pata do bipartidismo grego

Syriza, camiño de consolidarse como a outra pata do bipartidismo grego
Alexis Tsipras co presidente do Parlamento Europeo 2012-2017, Martin Schulz [Imaxe: Parlamento Europeo]
Alexis Tsipras co presidente do Parlamento Europeo 2012-2017, Martin Schulz [Imaxe: Parlamento Europeo]  

Hai catro anos producíase unha especie de terremoto na política grega coa chegada ao goberno de Syriza (traducido por Coalición da Esquerda Radical) despois de derrotar ao partido conservador Nova Democracia, que xunto co socialdemócrata Pasok conformaban as dúas patas do bipartidismo, gobernante no país desde a caída da ditadura dos coroneis en 1974.


Grecia foi o primeiro Estado da Unión Europea intervido pola troika, en abril de 2010, con dous rescates consecutivos asinados por Pasok e Nova Democracia (ND) que fixeron caer sobre a poboación grandes sacrificios debido ás directrices emanadas do Banco Central Europeo, Fondo Monetario Internacional e Comisión Europea; sacrificios que nos cinco anos seguintes desmantelaron a economía do país, reducindo o PIB nun 25%, elevando os niveis de pobreza ao 23%, baixando os salarios e as pensións un 40%, provocando a emigración de medio millón de mozos e mozas e aumentando a débeda dun 110% do PIB antes do estoupido da crise a un 175% en 2014.

Nos primeiros meses de 2015 esa confianza foi en aumento ao ver que Syriza se enfrontaba ás imposicións da troika

Un pobo farto de sacrificios e permanentemente mobilizado nas rúas, con folgas e manifestacións multitudinarias, deixou de confiar nos sistémicos Pasok e ND, e nas eleccións de xaneiro de 2015 deu o seu apoio a un partido novo, conformado por un conglomerado de grupos de esquerda (eurocomunistas, trotskistas, maoístas, ecoloxistas...).

m_4_internacionalNos primeiros meses esa confianza foi en aumento ao ver que Syriza se enfrontaba ás imposicións dunha troika que buscaba impoñer un terceiro rescate e converter Grecia no exemplo do que acontece cando alguén tenta opoñerse ás súas decisións, e tamén nunha proba de que, goberne quen goberne, a política defínena os organismos financeiros internacionais, deixándolles aos parlamentos e aos gobernos a única función de referendar e aplicar o que se lles impón. 

Do “oxi” ao “non hai alternativa”

O Goberno grego de Syriza convocou un referendo o 5 de xullo de 2015 co terceiro memorando de recortes posto enriba da mesa, e o pobo contestou cun “oxi” (“non”, en grego) ao terceiro rescate, co apoio de case o 62% dos e das votantes. Ese rexeitamento fixo rememorar con orgullo outro “oxi” que forma parte da súa historia contemporánea, cando o 28 de outubro de 1940 Grecia dixo “oxi” ao ultimato do fascista Benito Mussolini, un “oxi” que significaba a negativa a aceptar unha invasión do fascismo e do nazismo naquel momento vitoriosos en Europa.

Esa data é hoxe festa nacional conmemorativa do orgullo e da patria grega.

Pero o segundo “oxi” durou poucos días. Ignorando os resultados dun referendo convocado de xeito voluntario por el mesmo, o primeiro ministro Tsipras decidiu no mes de agosto asumir un rescate con condicións aínda máis duras que as contidas nas sometidas a consulta. Dese xeito, o Goberno que se dicía alternativo á troika e a un bipartidismo que impuxera a mal chamada “austeridade” asinou un terceiro e máis daniño rescate, argumentando que de non facelo a situación de Grecia sería aínda peor.

Os resultados das eleccións anticipadas do pasado 7 de xullo son consecuencia do proceso anterior: xuntáronse a decisión de absterse de sectores que se consideraron traizoados pola aceptación do terceiro rescate e non viron opcións políticas alternativas con posibilidade de acceder ao Goberno, con quen seguiron dándolle o voto a Syriza pero simplemente como opción menos mala e non como alternativa. A desmobilización e a incapacidade do KKE e do partido MeRA25 (liderado por Varoufakis) para recoller o voto do descontento favoreceron a unha dereita moi mobilizada que, cunha campaña centrada na baixada de impostos e na recuperación do nivel de vida da chamada clase media, conseguiu para a conservadora Nova Democracia a primeira maioría absoluta desde o inicio da crise.

[Podes ler a información íntegra no número 355 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]