Un terzo do grupo parlamentar do PS francés rebélase contra o plano de recortes masivos impulsado polo partido

Un terzo do grupo parlamentar do PS francés rebélase contra o plano de recortes masivos impulsado polo partido
Valls, nun acto público
Valls, nun acto público  

Cisma na socialdemocracia gala, após o novo primeiro ministro, Manuel Valls, anunciar un xigantesco recorte no gasto público de 50.000 millóns de euros, un plano aplaudido desde a contorna de Sarkozy. "Miterrand fixo que Franza se desfixera do comunismo. Hollande vai facer que Franza se desfaga do socialismo", din desde a dereita.


O Executivo Valls propón que o gasto público decreza en Franza nun valor de 50.000 millóns de euros no período 2015-2017. O obxectivo declarado sería cumprir o guión da Troika no que atinxe á redución do déficit público.

O novo primeiro ministro -que aspira a suceder a Hollande na carreira presidencial, dado que o seu actual chefe non tería ningunha opción fronte á dereita e mesmo fronte a Le Pen- quer tamén financiar unha redución das cargas laborais das empresas francesas por valor de 38 mil millóns de euros.

Os críticos do PS estiman que, de se aplicaren as medidas, o custo a pagar sería un decrecimento na contorna do 1% do PIB

Os recortes afectarían aos salarios, ás pensións e ás prestación sociais que, ao se conxelaren, perderían poder adquisitivo.

Os críticos do PS argumentan dúas cousas. Primeira, que as políticas chamadas de austeridade teñen mostrado os seus límites alí onde foron aplicadas, quer en Portugal quer en Grecia quer no Estado español. E segundo, que as medidas propostas por Valls/Hollande, para alén de seren socialmente inxustas, terían un efeito contractivo do PIB. Estiman que, de se aplicaren, provocarían un decrecimento na contorna do 1% do produto interior bruto.