ZHORA KOUBIA, PRESIDENTA DA ASOCIACIÓN FORO DE MULLERES DO RIF

“No Rif todo está controlado, é imposíbel manifestarse”

“No Rif todo está controlado, é imposíbel manifestarse”
[Imaxe: Solidmar] Zohra Koubia
[Imaxe: Solidmar] Zohra Koubia  

Entrevistamos Zhora Koubia, presidenta da Asociación Foro de Mulleres do Rif e responsábel da área de Ensino e Dereitos Humanos da Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH) no norte de Marrocos. A AMDH presentou hai uns días no Ministerio de Xustiza marroquí un informe, certificado por médicos e avogados, onde se describe o trato sufrido por 19 activistas do Hirak, o movemento que revolucionou Alhucemas e o Rif hai agora tres anos.


O 28 de outubro de 2016, a morte de Mouhcine Fikri, un vendedor de peixe da localidade de Alhucemas, no norte de Marrocos, xerou na histórica rexión do Rif unha onda de protestas populares contra o Goberno, fortemente reprimida. Aquel día, Fikri acabou triturado nun camión do lixo cando tentaba recuperar unha mercadoría confiscada pola Policía, unha traxedia que reactivou o descontento latente dunha sociedade historicamente marxinada pola Administración central.

As manifestacións na rúa reclamando melloras económicas e sociais foron constantes durante meses, pasando de ser meramente pacíficas a se converteren nunha guerrilla urbana contra as forzas de seguridade do Estado, até que a finais de maio a Policía detivo Nasser Zafzafi, o carismático líder do movemento popular -o Hirak, en árabe-, e outros dos seus principais activistas. Zafzafi foi condenado a 20 anos de cárcere e outros catro dos arrestados a penas que van dos 10 aos 15 anos.

Calquera proposta de saír a manifestarse acaba con máis persoas no cárcere. Calquera persoa que fala nas redes ou fai un vídeo pedindo dereitos ou a liberación dos presos acaba xulgado e preso

As detencións durante as revoltas foron masivas e mantivéronse durante todo este tempo tamén a calquera que manifestase nas redes sociais o seu descontento coa situación ou que pedise a liberación dos presos. Alhucemas -onde o Exército español sufriu en 1921 unha dura derrota no Desastre de Annual- e a rexión do Rif -que chegou a ser unha República independente na década de 1920- mantéñense baixo un férreo control policial.

No terceiro cabodano de Mouhcine Fikri -Nasser Zafzafi pediu por carta desde a prisión unha gran mobilización para a vindeira segunda feira, 28 de outubro, na súa memoria- a loita do pobo rifeño por conquistar dereitos básicos continúa. Hai dúas semanas, a Asociación Marroquí de Dereitos Humanos (AMDH) presentou no Ministerio de Xustiza un informe, certificado por médicos e avogados en xullo de 2017, onde se describe o trato sufrido por 19 activistas do Hirak (o informe pódese consultar en documento anexo a esta información). O dossier, elaborado co permiso do Goberno polo Consello Nacional dos Dereitos Humanos (organismo equivalente ao Valedor do Pobo galego), constata que os detidos sufriron fracturas múltiples, hemorraxias internas, golpes na cabeza e outras lesións.

Falamos, en conversa telefónica, coa responsábel da área de Ensino e Dereitos Humanos da AMDH no norte de Marrocos e presidenta da Asociación Foro de Mulleres do Rif, Zhora Koubia, sobre este tema e sobre a situación actual no Rif.

Cantas persoas permanecen presas neste momento?

Actualmente, son máis de 50. O número vai variando porque van entrando e saíndo continuamente. Ademais, están dispersos en varias cidades, en catro prisións. A maioría están en Nador, Alhucemas, Fez e Tánxer. Agora mesmo, un dos activistas leva 43 días en folga de fame.

Unha situación complicada...

Unha situación moi difícil para os familiares, que se teñen que desprazar cada semana para facer as visitas aos que están lonxe de Alhucemas. Os que están en Tánxer ou en Fez, por exemplo, teñen cinco horas á ida e cinco horas á volta, con todo o gasto que supón. Ademais, hai familias que teñen o seu responsábel económico preso, que a parella non traballa, que teñen crianzas... a situación é moi difícil para el, obviamente, mais tamén a nivel familiar. O que reclamamos agora é que os trasladen a unha prisión preto de Alhucemas para facilitar as visitas familiares, porque é un castigo a maiores para os presos.

Os encarcerados son membros do Hirak. Que é o Hirak?

Hirak significa literalmente “movemento popular”. Naceu tras a tráxica morte de Mohcine Fikri. A xente saíu á rúa a protestar pola traxedia, mais despois creouse un comité de seguimento e fíxose unha lista de reivindicacións, a maioría sociais e económicas: pedir un hospital, traballo, unha universidade... cousas básicas para levar unha vida digna. O movemento despois propagouse por toda a provincia de Alhucemas. Durou desde outubro até maio, cos detidos do Hirak. Porén, aínda continúa a haber detencións. Cada semana. Non é que parase con algúns arrestos. Continúa a habelos. Desde aquela houbo máis de 1.500 persoas arrestadas e máis de 500 foron procesadas.

Todo se desencadea coa morte de Mouhcine Fikri. Mais o descontento, a hogra, xa viña de antes, non é?

É máis que a hogra (termo popular de connotación negativa no árabe do Magreb que significa “inxustiza” e “humillación”). As protestas están vinculadas co Movemento 20 de febreiro (que deixou a morte de cinco manifestantes que reclamaban máis democracia), dentro do que se coñecería despois como a Primavera Árabe. Mais o Movemento 20 de febreiro vén de antes. Un movemento que se parou aos poucos, mais que como consciencia, como idea, continúa nas rúas, continúa coa poboación. É un reacción da poboación para o cambio. A morte de Mouhcine Fikri púxolle o ramo para a xente saír ás rúas.

Despois de tanto tempo o Rif continúa a ser un territorio con notábeis carencias. Ten isto que ver coas arelas independentistas do pasado?

Vén do pasado. Nos anos 1958-59 rebelouse contra Hassan II (pai e predecesor do actual monarca alauí, Mohamed VI). Durante todo o seu reinado a rexión foi marxinada. Sufriu unha fractura e mantívose illada polo Estado central. Mais eu penso que a cuestión independentista é unha escusa. A xente saíu ás rúas para pedir dereitos económicos e sociais. Colleu a bandeira histórica da República do Rif como símbolo, mais cando saíu ás rúas era para pedir estes dereitos. E tamén para protestar polos encarceramentos dos líderes do Harik. Mais os líderes do Harik nunca pediron a independencia nin nada. De feito, fixeron unha manifestación para demostrar que eles non son independentistas.

Coa detención de Nasser Zafzafi e a súa condena, o Goberno marroquí daba por finalizada a crise...

Os servizos policiais do Estado continúan alí, manteñen a súa presenza. Calquera proposta de saír a manifestarse acaba con máis persoas no cárcere. Calquera persoa que fala nas redes ou fai un vídeo pedindo dereitos ou a liberación dos presos acaba xulgado e preso. Tamén os que escriben calquera cousa no Facebook son arrestados. Todo está controlado, é imposible manifestarse. Aínda que co cabodano de Mouhcine Fikri, o 28 de outubro, vai haber máis concentracións de solidariedade co Rif. Ademais, hai moitísima mocidade que marchou de Alhucemas pola presión policial e están a pedir a protección internacional.

Neste sentido, que lle solicitan desde a AMDH á comunidade internacional?

Que apoien a poboación para que teña os seus dereitos. Que caian na conta de que se está a violar a Declaración dos Dereitos Humanos. Que exerzan presión sobre o Goberno marroquí para que se respecten as liberdades públicas e que se fagan procesos xudiciais xustos. Que haxa liberdade para expresarse, para manifestarse, mais tamén dereitos económicos e sociais. Porén, actualmente, como Marrocos é para a UE unha especie de Policía de África, a UE fai como quen non ve con esta cuestión.

Hai resposta do Goberno marroquí ao informe presentado pola AMDH?

Estamos á espera. Agardamos que poñan todos os mecanismos adecuados para que saia a verdade. Polas familias e polo pobo marroquí.