Torra aposta na distensión e fai un Govern politicamente viábel, con Elsa Artadi como peza forte

Torra aposta na distensión e fai un Govern politicamente viábel, con Elsa Artadi como peza forte
Quim Torra
Quim Torra  

En vésperas da moción de censura, JxCat levanta o pé do acelerador. O president Quim Torra vai asinar nas próximas horas, avanza NacióDigital, o nomeamento dun Govern novo, sen presos políticos nen exiliados. Destarte, desbloquea a situación e abre un cenario novo, o que en teoría debería permitir a Raxoi -ou talvez a Sánchez se supera o debate parlamentar desta sexta feira- levantar o 155.


Finalmente, Quim Torra acepta que non ten posibilidade material de nomear como consellers nen presos políticos -Josep Rull e Jordi Turrull- nen exiliados -Lluis Puig e Toni Comín- e aposta, nunha xiradela pragmática, pola confección dun Govern sen sombra de suspeitas xudiciais, un Govern viábel en termos políticos.

Aproveita tamén Torra para equilibrar o Govern do ponto de vista do xénero. Segundo avanza NacióDigital, nomea como integrantes do Executivo a independente Elsa Artadi, quen se perfila como a peza máis forte do Govern, ao fronte de Presidencia e da portavocía; Maria Àngels Chacón (PDeCAT), titular de Empresa; Laura Borràs (JxCat), Cultura; e Alba Vergés (ERC), Sanidade.

É un movimento político que cabe interpretar en chave de distensión e, por tanto, de triunfo dos sectores soberanistas que neste momento priorizan o levantamento do 155 ao aprofundamento da estratexia de ruptura co estado. Porén, agárdase que a primeira decisión do novo Govern sexa apresentar unha querela por prevarición contra o Goberno Raxoi por se ter negado a publicar no BOE os nomeamentos como consellers de Rull, Turull, Puig e Comín, decisión que carece de base legal.