INICIA UN XEXÚN DE 48 HORAS

Torra aposta na vía eslovena cara á independencia: "Xa non hai marcha atrás posíbel"

Torra aposta na vía eslovena cara á independencia: "Xa non hai marcha atrás posíbel"
Quim Torra, durante a apresentación en Bruxelas do Consell per la República
Quim Torra, durante a apresentación en Bruxelas do Consell per la República  

Non hai cenario alternativo á independencia, aínda que esta vaia traer sangue, suor e bágoas. Un discurso de ar churchilliano foi o que emitiu este sábado en Bruxelas o president da Generalitat, Quim Torra, durante a apresentación do Consell per la República. Torra expresou a súa adhesión á vía eslovena. "Xa non hai marcha atrás e estamos dispostos a todo para viver libres. Fagamos como eles", dixo. Eslovenia conseguiu a independencia en 1991 após unha guerra exprés que enfrentou o país co daquela estado iugoslavo. O confronto bélico saldouse con por volta de 60 mortos e 300 feridos.


O nacimento do Consell per la República veu envolvido cunha retórica moi acesa por parte dos dirixentes independentistas cataláns. E non só por parte de voces de Junts per Catalunya. Toni Comín (ERC), conseller no exilio, alertou de que "o tramo que fica por diante [até conseguir un estado catalán independente] será dramático".

As forzas soberanistas cataláns decidiron pisar o acelerador e, mais unha vez, están a levar a iniciativa no conflito que as confronta co estado español. Todo está perfectamente secuenciado. Ao día seguinte de dar a luz o Consell per la República en Bruxelas, o president da Generalitat iniciaba —este domingo ás 9 horas, xa de volta en Catalunya— un xexún de dous días en solidariedade cos presos independentistas que se declararon en greve de fame.

Antes de pronunciar o seu discurso no Teatro Real Flamenco —o palco en que se apresentou o Consell per la República— Quim Torra mantivera un encontro co primeiro ministro esloveno, Borut Pahor, dentro da estratexia de internacionalización do confronto. A xulgar polas palabras do president, a entrevista foi moi frutífera. "Vimos do norte, vimos do sur e vimos de Eslovenia, de onde traio moi boas noticias", dixo o líder catalán.

Eslovenia como modelo: "Os eslovenos tivérono claro. Decidiron determinarse e tirar cara adiante no camiño da liberdade con todas as súas consecuencias até o conseguir. Fagamos como eles. A vía eslovena é a nosa vía", dixo Torra desde a tribuna do Teatro Real Flamenco. O president non falaba por el só. Toni Comín secundou as súas palabras: "O tramo que fica por diante até chegar ao final, non temos que enganarnos máis, será dramático. Chegou a hora de pagar o prezo alto, inxusto, mais inevitábel da nosa liberdade".

No acto tomou a palabra Carles Puigdemont, o líder do sector soberanista que aposta máis na agudización do conflito con España (face as posicións máis pragmáticas da ala que en ERC representarían Junqueras e Tardà). O president no exilio definiu o Consell per la República como "un instrumento para verificar ante o mundo a vontade efectiva de facer a república".



x