CATALUNYA

Torra conta con presos políticos e exiliados no seu Goberno

Torra conta con presos políticos e exiliados no seu Goberno
Quim Torra, president da Generalitat
Quim Torra, president da Generalitat  

O president da Generalitat catalá, Quim Torra, anunciou este sábado o seu novo Govern, con dúas novidades principais: a restitución de Josep Rull, Jordi Turull, Lluis Puig e Toni Comín –presos e exiliados– e a fichaxe de Ernest Maragall para levar a carteira de Exteriores.


Malia as ameazas do Goberno español, o Executivo da Generalitat contará con persoas que se atopan na cadea ou no exilio. Desta maneira, Quim Torra restituirá nos seus cargos Josep Rull, Jordi Turull, Lluis Puig e Toni Comín.

Jordi Turull, actualmente encarcerado, continuará á fronte da Consellaría de Presidencia mentres a xustiza española non o impida. Josep Rull, na cadea, volve ser o conseller  de Territorio e Sostenibilidade. Tamén recunca no posto Lluis Puig como conseller de Cultura (desde que en xullo tomou o relevo de Santi Vila). Puig atópase exiliado en Bruxelas e en principio a xustiza española non pode inhabilitalo. O Departamento de Saúde volve ser oficialmente encabezado por Antoni Comín, exiliado en Bruxelas. Foi un dos impulsores do acceso universal á saúde, unha reforma tombada polo Tribunal Constitucional.

O vicepresidente e conselleiro de Economía e Facenda será Pere Aragonés, en substitución de Oriol Junqueras. Até o de agora ocupaba a Secretaría de Economía en funcións e é adxunto á presidencia de ERC desde o mes de marzo. Aragonés, nado en 1982, comezou nas xuventudes de Esquerra e chegou a ocupar a portavocía nacional en 2003. En 2006 era elixido parlamentar, cargo que ostentou até que entrou no Govern de Carles Puigdemont.

Elsa Artadi y Vila ocupará a Consellaría de Empresa e Coñecemento e será a portavoz do Govern. Trátase do cargo que ostentara até agosto de 2017 Jordi Baiget e, posteriormente, Santi Vila. É membro de Junts per Catalunya e man dereita de Puigdemont.

Unha das novidades represéntaa a figura de Ernest Maragall á fronte da carteira de Acción Exterior, posto que ocupaba Raül Romeva, un dos presos políticos do Govern de Puigdemont. Maragall é un dos fundadores do PSC, partido co que foi conseller de Educación desde 2006 a 2010. Afiliouse recentemente á ERC, con quen xa se presentara como independente no Parlament de Catalunya e no Parlament europeo.

Miquel Buch y Moya volve á primeira liña política após a súa experiencia á fronte da Asociación Catalana de Municipios (ACM); como deputado de Junts pel Si e como alcalde de Premià de Mar. Membro do PDECat, será o conseller do Interior, figura chave no proces soberanista.

Josep Bargalló, figura do primeiro tripartito catalán, será quen colla a carteira de Educación. Ocupou este cargo dous meses no Goberno de Pasqual Maragall, até que substituíu a Jospe Lluis Carod Rovira como conseller primeiro.

Ester Capella y Farré será a encargada de Xusticia. A avogada é na actualidade deputada de ERC no Congreso español. Substituirá Carles Mundó, que decidiu abandonar a política de primeira liña tras as eleccións do 21 de decembro.

Chakir El Homrani Lesfar ocupará o cargo de conseller de Traballo, Asuntos Sociais e Familias en substitución de Dolors Bassa, encarcerada. É deputado no parlament desde 2015 con Junts pel Si. Milita en ERC desde 2004.

Jordi Puigneró y Ferrer será o conseller de Políticas Dixitais e Administración Pública. Fora director xeral de Telecomunicacións e Sociedade da Información de 2013 a 2016, ano a partir do cal ocupou a Secretaría de Telecomunicacións, Ciberseguridade e Sociedade dixital.

Teresa Jordà i Roura responsabilizarase de Agricultura, Gandaría, Pesca e Alimentación. É deputada de ERC no Congreso español desde 2011 e substituirá Meritxell Serret, exiliada en Bruselas, á fronte da consellaría.