ATAQUE ÁS "POLÍTICAS SOCIALISTAS" DE VENEZUELA

O Trump que fecha as portas a Maduro axenda unha nova cimeira con Kim Jong-un

O Trump que fecha as portas a Maduro axenda unha nova cimeira con Kim Jong-un

"Se eu non tivese sido elixido presidente dos EUA, na miña opinión, nestes momentos estariamos nunha guerra de grandes proporcións con Corea do Norte", dixo esta terza feira Donald Trump no seu segundo discurso sobre o estado dos EUA. O mesmo Trump que se presenta como pacificador en Asia nega toda opción a se entrevistar con Nicolás Maduro.

 


Nova cimeira con Kim Jong-un de Donald Trump. O presidente dos EUA vaise ver co líder norcoreano os vindeiros 27 e 28 de febreiro. Sobre a mesa da negociación dar un novo impulso ás conversas sobre desnuclearización. O diálogo comezou na xa histórica primeira cimeira de ambos dirixentes, realizada en Singapur en xuño pasado, mais os froitos até agora teñen sido practicamente nulos.

Contrasta poderosamente o anuncio de conversas con Corea do Norte nun contexto de crecente guerra fría, con tambores bélicos incluídos, con Venezuela. 

Sobre a relación con Pyongyang, Trump dixo: "Fica moito traballo por facer, mais a miña relación con Kim Jong-un é boa".

En Singapur Kim tería aceitado pór fin ao seu programa de desnuclearización, mais a condición de que os EUA levantasen as súas sancións contra o estado norcoreano e puxesen fin ás súas manobras militares con Seul.

Distensión con Corea e agresividade dialéctica con Venezuela, aplaudida, por certo, por boa parte das bancadas do Partido Demócrata. Alén de reiterar o recoñecimento de Juan Guaidó como presidente da nación caribeña, Trump declarou: "Condenamos a brutalidade do rexime de Maduro, cuxas políticas socialistas teñen virado o país máis rico de Sudamérica nun país que vive nunha pobreza severa e na desesperación".



x