Trump suspende o dereito de asilo a inmigrantes sen papeis

Trump suspende o dereito de asilo a inmigrantes sen papeis
Donald Trump
Donald Trump  

O presidente dos EUA asina un documento sen forza de lei que poderá ser recorrido perante os tribunais. É máis que nada un aceno de quen, pese a perder a maioría no Congreso nas eleccións de medio mandato, pensa que aínda está en condicións de sobrevivir politicamente e de gañar a reelección en 2020.


A vitoria demócrata non foi tan contundente como se agardaba e Trump mantén a maioría no Senado. A estratexia do magnate pasa agora por reactivar o seu discurso máis agresivo contra a inmigración, aquel que mobiliza prioritariamente as bases republicanas. Trump ten, aliás, unha baza: a oposición azul -esa é a cor corporativa do partido de Obama- aínda non ten un referente, un líder, claro. Bernie Sanders? É unha posibilidade, mais o veterano socialista considera que o Partido Demócrata debe elixir a quen teña posibilidades reais de bater Trump. E iso pasaría talvez por apostar nun perfil algo máis morno con posibilidades reais de se impor en estados agora controlados polos republicanos.

Neste contexto cobra todo o sentido que Trump asinase un documento anti-inmigración. Os seus asesores pensan que só coa boa marcha da economía -índices de paro descoñecidos desde finais da década dos 60- non abonda, tal e como tería mostrado o ascenso demócrata nas eleccións á cámara de representantes. O consello para o inquilino da Casa Branca é pois claro: hai que intensificar a ofensiva contra as e os estranxeiros.

O documento asinado por Trump nega o dereito de asilo ás inmigrantes que se achan nos EUA sen documentos, unha populación que as últimas estimacións sitúan na contorna dos 11 millóns de persoas. A proclamación presidencial, que tería unha vixencia de 90 días, non ten rango de lei, co cal pode desencadear unha manchea de recursos xudiciais.

A lexislación actual norteamericana non fai distingos entre a populación inmigrante legal e ilegal á hora de acoller o seu dereito a pedir o asilo.

Calquera persoa que entre en territorio dos EUA sen papeis pasa inmediatamente a ser custodiada polo estado e ten dereito a presentar o seu caso perante os tribunais. A falta de meios nos xulgados fai que a instrución dos asuntos se demore por moito tempo, en ocasións durante anos. 



x