CONFLITO CATALÁN

Tsunami Democrático anuncia novas mobilizacións sorpresa para cinco días concretos

Tsunami Democrático anuncia novas mobilizacións sorpresa para cinco días concretos
Manifestantes partillan códigos QR da 'app' do Tsunami Democrático. Foto: Nació Digital
Manifestantes partillan códigos QR da 'app' do Tsunami Democrático. Foto: Nació Digital  

A plataforma popular nacida en Catalunya para protestar contra a sentenza do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do 'procès' pide á cidadanía que “reserve” o 9, 11, 12 e 13 de novembro e, tamén, o 18 de decembro, data prevista para o partido de fútbol entre o FC Barcelona e o Real Madrid.


A plataforma popular Tsunami Democrático anunciou esta sexta feira, 25 de outubro, cinco novas mobilizacións para protestar contra a sentenza do Tribunal Supremo no xuízo ás e aos líderes do procès. En concreto, solicita á cidadanía que “reserve” os días 9, 11, 12 e 13 de novembro “xusto antes e despois das eleccións” xerais no Estado, o domingo 10 de novembro; e mais o 18 de decembro, data prevista para o partido de fútbol entre o FC Barcelona e o Real Madrid.

 

Non obstante, o Tsunami Democrático non ofrece maior información. Simplemente indica que a primeira das mobilizacións, a do 9 de novembro, véspera da cita electoral, desenvolverase “en todo o Estado”. Os días 11, 12 e 13, indican será nun “lugar sorpresa”; mentres que ao respecto da data do 18 de decembro, sinalan que “xogamos na casa” de xeito enigmático ao tempo que indicativo.