CATALUNYA

O Tsunami Democrático chama á «mobilización» de cara ao Barça-Madrid

O Tsunami Democrático chama á «mobilización» de cara ao Barça-Madrid
Manifestantes cortan unha estrada, nunha mobilización anterior do Tsunami [Europa Press]
Manifestantes cortan unha estrada, nunha mobilización anterior do Tsunami [Europa Press]  

Nun comunicado anterior, a plataforma pedira aos dous clubs que durante o partido permitisen «facer visíbel, nas bancadas e no campo» unha pancarta co lema Spain, Sit and Talk.


O Tsunami Democrático anunciou oficialmente na pasada sexta feira, 29 de novembro, unha nova «xornada de mobilización» de cara ao partido de fútbol Barça-Madrid, que se disputará no Camp Nou o vindeiro 18 de decembro.

A través dun comunicado emitido nas súas redes sociais e na app móbil, a organización «convidou a toda a cidadanía a reservarse a data e a vir á cidade de Barcelona». Ademais, pediu ás socias e socios, así como ás afeccionadas e afeccionados con entrada para o partido, que envíen unha «mensaxe interna de confirmación» mediante a mesma aplicación móbil da plataforma.

No comunicado, o Tsunami sinala que é «consciente» das trascendencia do encontro, considerado o clásico do fútbol na liga española, para os afeccionados ao deporte en xeral, mais engade que «o momento político, xudicial e represivo é excepcional», de maneira que reivindica que cómpre «sentar e falar sobre liberdade, dereitos fundamentais e autodeterminación de Catalunya».

O pasado día 21, a plataforma independentista xa anunciara a súa intención de aproveitar a relevancia mediática internacional deste partido de fútbol. Noutro comunicado, o Tsunami pediu aos dous clubs protagonistas que durante o partido permitisen «facer visíbel, nas bancadas e no campo» unha pancarta co lema da súa campaña Spain, Sit and Talk («España, senta e fala», en inglés).