ORIENTE PRÓXIMO

Turquía, co visto bo da OTAN, inicia a operación contra as milicias kurdas en Siria

Turquía, co visto bo da OTAN, inicia a operación contra as milicias kurdas en Siria
[Imaxe: tsk.tr] Dous avións do Exército turco
[Imaxe: tsk.tr] Dous avións do Exército turco  

As principais preocupacións nas análises internacionais e de ONG sobre o terreo residen en que, cos bombardeos, o YPG libere os combatentes presos do Daesh e que, ademais, o Goberno de Erdogán busque unha “limpeza étnica” na zona.


“As Forzas Armadas de Turquía, xuntamente co Exército Nacional de Siria, acaban de lanzar a #OperationPeaceSpring contra terroristas do PKK/YPG e do Daesh no norte de Siria”. Deste xeito anunciou o presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, na súa conta de Twitter esta cuarta feira o inicio da esperada ofensiva militar contra as milicias kurdas no nordeste de Siria.

“A nosa misión é impedir a creación dun corredor terrorista na nosa fronteira sur e estabelecer a paz nese territorio”, engadiu Erdogan, que considera ademais que esta operación facilitará “o retorno dos refuxiados sirios ás súas casas”.

Segundo a axencia Reuters, rexistráronse varias explosións na cidade de Serêkaniyê (Ras al-Ain, en árabe romanizado), na fronteira coa cidade turca de Ceylanpinar. Na mañá desta cuarta feira, Turquía indicara que o ataque se produciría "en breve", e aseguraba que recibira a “luz verde” para a invasión por parte do Goberno dos EUA.

Apoio da OTAN

Ao respecto, o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, que a vindeira sexta feira, 11 de outubro, ten prevista unha visita oficial a Turquía, sinalou que o Goberno do país otomán lle asegurara “contención” no seu ataque militar.

Nunha conferencia de prensa tras unha xuntanza co primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, Stoltenberg argumentou que Turquía tiña "unha preocupación pola súa seguridade lexítima” para defender a operación militar.

"Estou convencido de que calquera acción que se leve a cabo no norte de Siria será proporcionada", afirmou, e engadiu: "É importante evitar accións que poidan desestabilizar aínda máis a rexión, elevar a tensión e causar máis sufrimento humano”.

Rexurdimento do Daesh

O nordeste de Siria está controlado polas Unidades de Protección Popular (YPG, pola súa siglas en curdo), milicias aliadas do Partido dos Traballadores Kurdo (PKK), considerado un grupo terrorista tanto polos EUA como por Turquía (e tamén pola UE). Paradoxalmente, o YPG foi un dos principais aliados do Goberno estadounidense na rexión na súa loita contra o Estado Islámico (EI, ou o pexorativo Daesh).

Precisamente, unha das principais preocupacións nas análises internacionais é que cos bombardeos por parte da infantería turca, o YPG libere os combatentes presos do Daesh, o que levaría ao rexurdimento dun problema xa resolto. Ademais, esta operación é vista por ONG sobre o terreo citadas pola canle de TV estadounidense Fox News como “unha ameaza de limpeza étnica”.

Pola súa banda, Mazlum Abdi, comandante en xefe das Forzas Democráticas Sirias (FDS), compostas principalmente por combatentes de orixe kurda, sinalou nunha entrevista na tamén estadounidense canle de TV NBC News: “Estamos considerando a posibilidade dunha alianza co presidente sirio Bashar al Assad, co fin de pelexar contra as forzas turcas”.