CONTINÚA O BLOQUEO

A UE adía até a vindeira semana a súa decisión sobre unha prórroga do 'Brexit'

A UE adía até a vindeira semana a súa decisión sobre unha prórroga do 'Brexit'
Boris Johnson poderíase ver na obriga de aceptar unha terceira prórroga. Foto: Europa Press
Boris Johnson poderíase ver na obriga de aceptar unha terceira prórroga. Foto: Europa Press  

Os 27 socios da Unión, reunidos a nivel de embaixadores, son partidarios de estender o prazo por terceira vez, mais manteñen as dúbidas sobre a súa duración. Boris Johnson, pola súa banda, acepta que haxa máis debate en Westminster sempre e cando as deputadas e os deputados apoien a súa moción de convocar comicios anticipados o 12 de decembro.


A UE non puido pechar un acordo sobre canto durará a nova prórroga da data de saída do Reino Unido do bloque comunitario, co que os embaixadores dos 27 socios da Unión volveranse reunir a vindeira semana.

Os diplomáticos dos 27 Estados membros que permanecerán na UE despois do Brexit mantiveron unha xuntanza sobre este asunto na mañá desta sexta feira, 25 de outubro, onde se amosaron partidarios de conceder o adiamento.

Neste sentido tamén se manifestou o presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, durante un debate ante o pleno da Eurocámara organizado a semana pasada. Tusk sinalou que os 27 farán sempre todo o que sexa necesario para evitar un Brexit sen acordo.

Bloqueo en Westminster

Pola súa banda, o primeiro ministro británico, Boris Johnson, aceptou que haxa máis debate sobre o Brexit en Westminster coa condición de que as deputadas e os deputados apoien a súa moción de convocar comicios anticipados o 12 de decembro.

De ser así, o Parlamento británico tería até o 6 de novembro para tramitar a Lei do Brexit, após a aprobación deste proceso a pasada segunda feira, 21 de outubro. Porén, a oposición desconfía de Johnson, co que se lle complica a consecución dos 434 apoios necesarios, dous terzos do total dos Comúns, para facer posíbel a convocatoria.