O ultra Trump lanza a súa campaña cara á reelección alertando contra a "esquerda radical"

O ultra Trump lanza a súa campaña cara á reelección alertando contra a "esquerda radical"
Trump en Orlando
Trump en Orlando  

Surfeando a onda dunha economía que crece sen interrupción, o ultra, misóxino, xenófobo e negacionista do cambio climático Donald Trump lanzou esta terza feira a súa campaña para nas eleccións de 2020 conseguir o seu segundo mandato presidencial. Fíxoo cun alegato contra a "esquerda radical". O voto do medo será ao que apele o magnate para se manter no despacho oval. Desde 1976 só dous presidentes —o republicano Gerald Ford e o demócrata Jimmy Carter— non foron reelexidos.


Trump ten boas razóns para ser optimista. A marcha da economía e a ausencia de conflitos militares (a pesar das crecentes tensións con Irán e de aloumiñar a idea de enviar tropas a Venezuela) alimentan a súa campaña. Trump sabe, alén de máis, que en votos populares pode perder, como aconteceu con Hillary Clinton en 2016, mais que a clave radica en gañar os sufraxios dos estados (os que compoñen o colexio electoral). Aí as noticias son lixeiramente inquietantes para o republicano, con inquéritos que colocan o Partido Demócrata por diante nun estado sempre decisivo, Florida. Iso explica por que Trump elixiu Orlando precisamente para lanzar a súa campaña de reelección.

O mantra da nova carreira de Trump rumo á Casa Branca é que o país debe decidir entre manter a marcha actual —os EUA acaban de encadenar o maior período de crecimento continuado da súa historia moderna, con 121 meses de expansión, tempo que por tanto abarca tamén a presidencia do demócrata Obama— ou ben entregarse ao que tildou como "esquerda radical".

A marcha da economía e a ausencia de conflitos militares (a pesar das crecentes tensións con Irán e de aloumiñar a idea de enviar tropas a Venezuela) alimentan a campaña de Trump

Ben, tense de pé ese cualificativo trumpista? Se o aplicamos ao candidato demócrata que lidera as enquisas entre o electorado progresista, o ex vicepresidente de Obama Joe Biden, realmente non. Biden é un centrista que non ten en mente precisamente a nacionalización dos medios de produción. Mais Trump axita as augas porque no imaxinario da freguesía conservadora o que mete medo é a emerxencia dunha ala esquerdista no Partido Demócrata, a liderada polo senador Bernie Sanders e a congresista Alexandra Ocasio-Cortez, dirixentes que non dubidan en se postular como aderentes do socialismo, un termo que en determinados ambientes dos EUA funciona case como sinónimo de comunismo.

Biden é un centrista que non ten en mente precisamente a nacionalización dos medios de produción

É a economía, estúpidos. A frase, que se atribúe a un asesor de Clinton como eslogan para sacudir campañas, aparece transmutada en beizos de Trump como "é a inmigración, estúpidos". Ese é campo de batalla en que o magnate se move como peixe na auga, consciente do temor con que masas de traballadores brancos contemplan a chegada ao país de continxentes de estranxeiros. Un pavor que responde a razóns máis imaxinarias do que reais, mais que Trump xa rentabilizou fronte a Hillary Clinton, a seguir as consignas xenófobas do seu spin doctor (conselleiro áulico) Steve Bannon.

E así como no dossier económico Trump pode gabarse das estatísticas do emprego no país, o paro está en mínimos históricos, no campo da inmigración o líder ultra pode oferecer o triunfo do compromiso de México de endurecer os controis na fronteira para impedir a entrada nos EUA de persoas sen papeis.

A súa dureza ante a inmigración contrapúxoa Trump ao discurso pretensamente progre e bempensante da esquerda norteamericana, un Partido Demócrata que, a ollos do inquilino da Casa Branca, estaría a traizoar "a clase media americana" coa súa "política de portas abertas".