A ultradereita racha o goberno de coalición co 5 Estrelas e asalta o poder en Italia

A ultradereita racha o goberno de coalición co 5 Estrelas e asalta o poder en Italia
Salvini
Salvini  
A Liga Norte vese forte e lanza un ataque en toda regra ao Movemento 5 Estrelas. A operación diríxea o líder ultra Matteo Salvini e vai ter como formato unha moción de censura ao primeiro ministro Giuseppe Conte, un movimento inédito entre socios de coalición de goberno.

A quinta feira xa se albiscaba o cisma. Matteo Salvini, líder da Liga Norte e vicepresidente do executivo, daba a alianza co Movemento 5 estrelas por rota e pedía eleccións anticipadas. Facíao co vento nas velas das enquisas, testemuño da deriva dereitista dun sector crecente da sociedade italiana. Ao se negar Conte a pór o ramo á lexislatura, Salvini anunciou esta sexta feira unha moción de censura contra o seu socio de goberno. O nunca visto. Algo que só pode acontecer na sempre caótica e tumultuosa política italiana.

En Italia a competencia para disolver o Parlamento tena o presidente da República, o centro-esquerdista Sergio Mattarella (Partido Democrático), e non o primeiro ministro. Este, ante a retirada dos apoios da Liga, só tiña por diante dúas opcións. A primeira, apresentar perante o xefe do Estado á demisión. A segunda, ir á cámara a comprobar cantos parlamentares están con el. En realidade, a segunda opción, que é na que vai apostar Conte, levará á primeira, pois no Parlamento vaise verificar que o único respaldo co que conta o 5 Estrelas é o do seu propio grupo parlamentar.

A moción de censura vai pór de relevo que Conte non ten a confianza da cámara, mais iso non ten por que levar aparellada necesariamente unha convocatoria ás urnas. Mattarella podería rastrexar no Parlamento apoios para a constitución dun goberno de coalición distinto ao actual —cenario pouco probábel pois a el se opoñen quer a Liga quer o 5 Estrelas—ou propor a formación dun gabinete tecnocrático, toda unha tradición na política italiana.

Na guerra por estabelecer o relato —a versión dos feitos a trasladar á opinión pública—, Salvini culpa Conte de se aferrar á cadeira tentando prolongar unha experiencia —unha coalición de dúas forzas antagónicas— xa esgotada, en tanto que o primeiro ministro atribúe ao líder da Liga unha ambición desmesurada que o leva a querer tirar rentabilidade xa ás enquisas que o colocan como xefe da primeira forza politica de Italia.