A ultradereita de Vox xunta en Madrid 10.000 persoas contra a inmigración e Catalunya

A ultradereita de Vox xunta en Madrid 10.000 persoas contra a inmigración e Catalunya
Imaxe do mitin de Vox en Madrid este 7 de outubro. Foto: cedida.
Imaxe do mitin de Vox en Madrid este 7 de outubro. Foto: cedida.  

A ultradereita política organizada en Vox fixo este domingo unha demostración de forza en Madrid. Xuntou máis de 10.000 persoas no pazo dos deportes de Vistalegre, que asistiron a un duro discurso contra a inmigración e Catalunya.
 


O desprazamento do eixo político estatal cara á dereita viviu hoxe un punto de inflexión. Se a mudanza no liderado do PP -Pablo Casado procede da FAES e ten a beizón de Aznar- ou o xiro dereitista de Ciudadanos xa o viñan sinalando hai meses, o mitin de Vox confírmao. “Puigdemont a prisión” foi unha das palabras de orde máis coreadas.

No encontro da ultradereita falaron Santiago Abascal -cabeza visíbel do proxecto-, Javier Ortega Smith, Rocío Monasterio e Ortega Lara. As últimas enquisas rexistran a posibilidade de que Vox obteña escanos no Congreso. Diso presumiron esta mañá os oradores. “Sen estar no congreso xa fomos útiles. Seremos os escanos da dignidade”, afirmou Abascal.

Referíase a como Ciudadanos e o PP recolleron consignas e bandeiras despregadas antes por Vox. Por caso, as protestas contra unha entrevista a Oriol Junqueras en Informe Semanal de TVE. Vox reclamou a supresión das autonomías, a ilegalización dos partidos independetistas -unha nova coincidencia co discurso oportunista de Pablo Casado, a quen por certo apoiou Feixoo- ou a derrogación da Lei de Memoria Histórica -outra petición compartida con importantes sectores do Partido Popular.

Dous lemas enmarcaron o acto de Vox. O primeiro, de novo coincidente coa táctica de Ciudadanos e PP: “A España viva pide eleccións”. O segundo amosa que a extrema dereita de Santiago Abascal é idosincraticamente española, malia o seu interese por estabelecer lazos con organización análogas europeas: “Viva España, viva la Policía Nacional, viva la Guardia Civil y viva el Rey”. Á entrada, recollían sinaturas “pola liberdade lingüística de España”. Os parecidos programáticos entre os tres partidos do espectro da dereita resultan inquietantes.