DEBATE DE INVESTIDURA

Unidas Podemos pide “respecto” a Sánchez e rexeita ter “un papel decorativo” na posíbel coalición

Unidas Podemos pide “respecto” a Sánchez e rexeita ter “un papel decorativo” na posíbel coalición
Yolanda Díaz
Yolanda Díaz  
O debate de investidura entre Unidas Podemos e Pedro Sánchez rematou cun bronco ton. Iglesias concluíu a súa intervención augurando ao presidente do goberno en funcións que, se continúa fechándose a facer un goberno de coalición proporcional aos votos obtidos por cada forza, ”vostede non será presidente de España nunca”.

O candidato á presidencia do goberno do estado Español, Pedro Sánchez, reiterou a súa vontade para chegar a un acordo con Unidas Podemos e lograr un goberno de coalición. Suxeriu ademais outras formas de gobernar co apoio de Unidas Podemos desde fóra do executivo. Porén, Pablo Iglesias recriminou desde a tribuna que a oferta proposta polo PSOE non pasa de relegar a súa formación política a “un mero papel decorativo”. Nese sentido Iglesias esixiu como requisito para pactar o goberno que a representación de ambos os partidos sexa proporcional ao número de votos que cada forza acadou nas urnas do pasado 28 de abril.

Pablo Iglesias recriminou desde a tribuna que a oferta proposta polo PSOE non pasa de relegar a súa formación política a “un mero papel decorativo”

Ademais de Iglesias interviron Yolanda Díaz, deputada de Unidas Podemos cuxa candidatura na Galiza denominouse En Comun-Unidas Podemos. Foi a primeira muller en intervir no debate de investidura. Ademais tomaron a palabra Jaume Asens por Catalunya en Comú e o líder de Esquerda Unida Alberto Garzón.

Díaz dedicou a maior parte da súa intervención a reivindicar un pacto entre ambas as forzas de maneira que Unidas Podemos teña unha representación proporcional e enumerou as cuestións que a súa formación demanda para a Galiza. “Temos que abordar os problemas da Galiza”, afirmou e engadiu unha serie de cuestións que padece o país, sinalando así a necesidade de ter “unha financiación xusta, conexións ferroviarias, transferencia da AP9, atender o sector lácteo, o naval, a pesca, e lograr a devolución do pazo de Meirás”.

Díaz dedicou a maior parte da súa intervención a reivindicar un pacto entre ambas as forzas e enumerou as cuestións que a súa formación demanda para a Galiza

Iglesias, pola súa banda, remontouse ao debate da moción de censura en que Sánchez foi electo presidente. “Apoiámolo a cambio de nada mais a experiencia de goberno á portuguesa fracasou por falta de maioría”, e recriminou a Sánchez que estea solicitando a abstención a PP e Ciudadanos. “A xente pensa que non lle interesa un goberno de esquerdas e cre que quere gobernar a toda costa”. Nese sentido, solicitoulle “unha mínima coherencia no programa e nas alianzas” e sinaloulle que esa coherencia pasa por poñerse de acordo con formacións de esquerdas.

“Gañamos xuntos as eleccións á dereita, vostede tivo un resultado moi bo, pero inferior ao que suman PP, Ciudadanos e Vox” e lembrou a Sánchez que con Unidas Podemos si suman máis votos, aínda que sen acadar maioría absoluta.

Iglesias enumerou que desde Unidas Podemos desexan un goberno de coalición en condicións proporcionais “para que haxa xustiza fiscal, salarios dignos, transición ecolóxica, garantías de que se baixe a factura da luz, para dar competencias aos concellos para que se baixen os alugueres abusivos, para que haxa escolas infantís de 0 a 3 anos gratuítas e unha lei de eutanasia”.

Jaume Asens, de Catalunya en Comú tomou tamén a palabra para denunciar a ausencia do seu país no discurso de Sánchez e afirmou que sen os votos de Catalunya Sánchez non sería candidato, senón que o serían os do trío de Colón”, asegurou. “O reto que temos é o de convencer a quen quere marchar deste Estado de que si hai posibilidade dunha España nova que deixe atrás a España vella”, sentenciou.

Alberto Garzón recriminou a Sánchez a censura a Iglesias en referencia á condición que puxo o líder do PSOE para acadar un goberno de coalición. “Fai falla unha nova cultura política de entenderse co que pensa distinto, ese é o eixe da democracia e os valores republicanos”, afirmou.

Sánchez afirmou a súa vontade de chegar a un acordo para un goberno de coalición que inclúa membros de Unidas Podemos no executivo

Na quenda de respostas, Sánchez agradeceu o paso atrás que deu Iglesias ao se desmarcar como parte do executivo nas condición das negociación. “Vai haber quen nolo poña moi difícil, os de Colón que agora rasgan as vestiduras defendendo os supostos dereitos do señor Iglesias, tamén a min me reprocharían que houbese ministros de Unidas Podemos no meu goberno, pero·eu estou disposto a correr ese risco”, afirmou Sánchez.

Nese sentido afirmou a súa vontade de chegar a un acordo para un goberno de coalición que inclúa membros de Unidas Podemos no executivo. Mais tamén engadiu que, de non acadar o pacto, “hai outras formas de apoiar a investidura” referíndose a poder chegar a acordos puntuais como aconteceu nestes meses desde a moción de censura.  

O debate foi collendo un ton cada vez máis bronco a medida que foi avanzando a tarde, e Iglesias rematou asegurando que “se pola cerrazón de non facer un goberno de coalición proporcional aos votos obtidos, temo que non vostede –en referencia a Sánchez- non será presidente de España nunca”.