A Unión Europea esixe eleccións a Maduro ou recoñecerá o golpista como presidente

A Unión Europea esixe eleccións a Maduro ou recoñecerá o golpista como presidente
O golpista Juan Guaidó e o presidente de Venezuela Nicolás Maduro. Imaxe: cedida.
O golpista Juan Guaidó e o presidente de Venezuela Nicolás Maduro. Imaxe: cedida.  

Os 28 Estados da Unión Europea pactan un comunicado en que esixen ao presidente lexítimo de Venezuela, Nicolás Maduro, a convocatoria de eleccións. O documento inclúe un ultimátum: no caso de non habelas, a UE recoñecerá o golpista Juan Guaidó como presidente do país.
 

Mais o texto comunitario non menciona explicitamente Guaidó, apenas sinala que o país “precisa con urxencia un goberno que represente verdadeiramente a vontade do pobo venezolano”. Por suposto, esquece que as últimas eleccións presidencias, celebradas en maio de 2018, deron a vitoria a Maduro con case un 68% do voto.

O aliñamento da Unión Europeo coa posición liderada por Donald Trump -e co apoio doutro presidente ultra como Jair Bolsonaro- é coa boca pequena. “En ausencia dun anunico sobre a organización de novas eleccións coas garantías precisas nos vindeiros días”, di o comunicado, “a UE tomará outras medidas, mesmo sobre o recoñcemento do liderado do país en liña co artigo 233 da Constitución de Venezuela”.

As institucións comunitarias expresan ademais o seu apoio á Asemblea Nacional, que preside o golpista Guaidó, “que é o corpo democrático lexítimo de Venezuela. A UE esixe encarecidamente a celebración urxente de eleccións presidencias libres, transparentes e críbeis”.

Maduro a Trump: “Déalle un xiro á súa política trabucada”

Entrementres, o presidente lexítimo vén de se dirixir a Donald Trump nos seguintes termos: “Déalle un xiro á súa política equivocada, sempre é posíbel rectificar, sempre é posíbel tomar un novo camiño”.

Nicolás Maduro asegurou, en comparecencia de prensa desde o Palacio de Miraflores, en Caracas, estar disposto “a resolver as diferenzas entre os gobernos de Venezuela e os Estados Unidos” e insistiu para que o presidente norteamericano “faga historia e se sume á procura dunha solución”.

Maduro amosouse favorábel a un diálogo entre os dous países e a abrir “unha nova era de relacións” e engadiu que, malia a ruptura diplomática, os lazos de Venezuela “co pobo, as universidades e os sectores comerciais estadounidenses” seguen intactos.