BAIXO XURAMENTO, O EX PRESIDENTE NON PRECISOU SE O CONTACTO FORA EN PERSOA

Urkullu afirma que se viu con Raxoi na Moncloa para mediar sobre Catalunya

Urkullu afirma que se viu con Raxoi na Moncloa para mediar sobre Catalunya
Urkullu, durante o interrogatorio
Urkullu, durante o interrogatorio  

Íñigo Urkullu actuou como mediador entre o Govern e A Moncloa. Viuse no palacio presidencial con Raxoi o 19 de xullo de 2017. Así o revelou esta quinta feira a perguntas das defensas na quenda de interrogatorios ás testemuñas. Na cuarta feira, Raxoi eludiu precisar se o encontro con Urkullu fora en persoa. O lehendakari relatou que Puigdemont se inclinaba por anticipar eleccións e por non realizar a Declaración Unilateral de Independencia, pero na súa mediación non foi posíbel obter garantías da Moncloa de que nese escenario non se activaría o 155.


19 de xuño de 2017. Urkullu encóntrase no Palau da Generalitat con Carles Puigdemont, na altura president do Govern. O lehendakari está en Barcelona para participar nos actos conmemorativos do masacre de Hipercor. Puigdemont pídelle que medie con Madrid. Urkullu acepta. Ese mesmo día ten unha breve reunión con Soraya Sáenz de Santamaría, na sala de autoridades do aeroporto de Barcelona, e solicítalle formalmente unha entrevista con Raxoi.

O encontro co presidente do goberno español prodúcese na Moncloa o 19 de xullo de 2017 e ten unha duración de dúas horas.

Estes datos tan precisos foron achegados por Urkullu durante o seu interrogatorio como testemuña.

Por contra, esta cuarta feira, Mariano Raxoi, tamén na súa calidade de testemuña, ofereceu grande resistencia á hora de precisar se tal encontro se producira. Tanta resistencia que até se viu obrigado a intervir o presidente do tribunal, Manuel Marchena, para instar o ex presidente a que fose claro na súa resposta. "Entendino, entendino", dixo Raxoi. O avogado defensor, Jordi Pina, lembroulle que se achaba baixo xuramento.

Raxoi en todo momento tentou rebaixar o alcance da intervención de Urkullu no asunto. "Non houbo ningún mediador de nada", dixo. Argumentou que non podía habelo, porque el non podía negociar coa Constitución española. O ex presidente limitouse a dicir que naqueles días recibira moitas chamadas e falara con moita xente, o que consideraba normal dada a "importancia" do asunto.

Acurralado por momentos por Pina, Raxoi foi máis Raxoi que nunca e eludiu precisar se o contacto con Urkullu se producira ou non na Moncloa. "A min chamoume moita xente. A algúns vinos persoalmente e con outros falei por telefone, mais, claro, ten vostede que entender que é moi difícil recordar se falei persoalmente, se falei por telefone ou a través de mensaxes, porque dalgúns me lembro que falei persoalmente en Moncloa, de algúns, de outros é moi difícil lembrarse porque pasou moito tempo", dixo.

Dificilmente un presidente pode esquecer unha reunión na Moncloa co titular dun goberno autónomo que se prolongase por espazo de dúas horas e cun tema na axenda tan delicado como a cuestión catalá. Pina deixou entón escapar Raxoi. "Ben, xa nolo esclarecerá o señor Urkullu". O lehendakari foi moi preciso na súa información. Se Raxoi obviou concretar o formato do seu contacto co lehendakari —se reunión en persoa, se chamada telefónica— foi aparentemente para relativizar a importancia da mediación e para escurecer unha evidencia: que Puigdemont tentou unha saída negociada antes de se ver abocado a realizar a DUI.

Unha vez que ficou claro que si houbo encontro na Moncloa, as perguntas a Urkullu gravitaron arredor do contido concreto da súa mediación. "Até o 27-O [o día en que Carme Forcadell leu a DUI no Parlament] fixen varias propostas baseadas na distensión e no diálogo", dixo. "O 21 de setembro falei con Raxoi e díxenlle que as cousas non podían continuar por aquel camiño, que o asunto se lle estaba indo das mans", revelou.

O dereito de autodeterminación non figuraba entre as demandas que o mediador trasladou a Raxoi. "Non tería aceptado nunca unha mediación sobre cuestións que provocasen máis tensión entre o Govern e a Moncloa", dixo.

En realidade, o miolo das conversas entre Urkullu e Raxoi remitía para unha hipotética non aplicación do artigo 155 no caso de Puigdemont disolver o Parlament e anticipar as eleccións. "Puigdemont pedíame garantías e un non podía darllas, porque a pesar de que Raxoi me escoitaba, nunca me respondeu como eu desexaba", dixo o lehendakari.

O que aconteceu despois é unha historia coñecida: ao non dispor desas garantías, e presionado por ERC e polos sectores máis soberanistas do PDeCAT, Puigdemont recuou sobre a súa intención inicial de chamar as urnas e abriu a billa que conduciu á realización da DUI.

Urkullu en todo caso enfatizou que o president agora no exilio non quería facer a Declaración Unilateral de Independencia: "Constateino o 10 de outubro [dia en que o Parlament estaba convocado para declarar a independencia, cousa que finalmente non fixo],antes, durante e despois do pleno", relatou o lehendakari, quen tamén puxo o acento na falta de vontade de diálogo de Raxoi: "Non tivo unha actitude proactiva para enderezar a situación".



x