AUTODETERMINACIÓN

Urkullu reclama unha consulta “legal e pactada” sobre o futuro de Euskadi

Urkullu reclama unha consulta “legal e pactada” sobre o futuro de Euskadi
Íñigo Urkullu
Íñigo Urkullu  

O lehendakari vasco considera que cómpre levala a cabo para “modernizar, afondar e garantir” o autogoberno. EH Bildu pídelle que lidere o “salto cualitativo da autonomía á soberanía” e o PP acúsao de estar “a xogar con lume”.


O lehendakari Iñigo Urkullu subliñou que fará todo o posíbel para que Euskadi poida decidir o seu futuro nunha consulta legal e pactada co Goberno español, mais deixou claro que aposta por deseñar “itinerarios viábeis” que non leven Euskadi a “rúas cegas”.

Urkullu respondeu deste xeito no pleno de control do Parlamento vasco senllas preguntas formuladas pola portavoz de EH Bildu, Maddalen Iriarte, e polo presidente do PP vasco, Alfonso Alonso, sobre os traballos que desenvolve a Cámara autonómica co fin de actualizar o sistema de autogoberno de Euskadi. Nesta liña, reafirmou a súa convicción de que a reforma do Estatuto de Autonomía ha de servir para “modernizar, afondar e garantir” o autogoberno.

Iriarte esixiu ao lehendakari que lidere o “salto cualitativo” que debe dar Euskadi para pasar “da autonomía á soberanía”, mentres que Alonso denunciou que o PNV “está a xogar con lume”, ao suscitar propostas “imposíbeis” en materia de autogoberno.

Urkullu, pola súa banda, afirmou que o proceso hase de basear “no diálogo, na negociación e no acordo”, e que o labor do grupo de expertos, que están a traballar na elaboración dun borrador, “está a dar froitos”.