MARCEL MAURI, VICEPRESIDENTE DE ÒMNIUM CULTURAL

“As urnas son sempre a resposta que defendemos”

“As urnas son sempre a resposta que defendemos”
[Imaxe: Uxía Castro] Marcel Mauri
[Imaxe: Uxía Castro] Marcel Mauri  

Marcel Mauri (Badalona, 1977) é a cara visíbel de Òmnium Cultural –entidade que suma máis de 130.000 socias e socios­– desde o encarceramento de Jordi Cuixart. Dedícase, profesionalmente, a impartir aulas de xornalismo na Universitat Pompeu Fabra. Conversamos con el a raíz da súa recente visita a Compostela, que acolleu un acto, coorganizado por Esculca e a propia Òmnium, enmarcado na campaña “Demà pots ser tu” (“Mañá podes ser ti”) en defensa dos dereitos civís. Eis un extracto da conversa, publicada no número 325 de Sermos Galiza.


3Como está decorrendo a campaña en defensa dos dereitos e liberdades civís?

Comezámola a raíz da situación de vulneración de dereitos fundamentais que se está a producir, principalmente, en Catalunya, mais tamén no resto do Estado. Pode verse afectada calquera persoa que ouse cuestionar o réxime do 78. Buscamos, por unha banda, sensibilizar a cidadanía –a represión en Catalunya é moi heavy, hai máis de mil persoas que están a ser investigadas polo exercicio de dereitos fundamentais–, e, por outra banda, que ninguén se sinta só. Esta campaña trata de ser unha rede de solidariedade e acompañamento.

Que contribuíu a facer que sectores non independentistas tomasen unha maior conciencia a respeito da importancia de defender os dereitos civís?

Foi o independentismo quen puxo en cuestión o réxime do 78 e o réxime respondeu con toda a forza, mais isto non é só unha cuestión de independencia si ou non, é unha cuestión de democracia, de defender os dereitos civís. O dereito de manifestación, de participación política, á liberdade de expresión e información, á reunión… todo iso está en cuestión en España. É básico que a cidadanía sexa consciente diso con independencia do que vote.

Como valora a falta de reacción das institucións internacionais, e nomeadamente as da UE, diante das agresións antidemocráticas contra Catalunya?

Iso foi unha gran decepción por unha parte moi importante da cidadanía catalá, mais que podes esperar dunhas institucións europeas que miran cara a outro lado cando cada día morren persoas no Mediterráneo, cando colectivos como o LGTBI ven vulnerados os seus dereitos en países como Hungría e Polonia ou cando a extrema dereita sobe? Que podemos esperar dunha Europa que se manifesta cunha falta de humanidade tan grande?

Estes dereitos que reivindicamos son, ademais, os valores fundacionais da UE. O que estamos facendo en Catalunya tería que servir como resposta a unha Europa ensimesmada, unha Europa do gran capital que só respondeu á crise financeira perante os bancos e non perante a cidadanía.

Que supón para Òmnium o encarceramento do seu president, Jordi Cuixart?

É a constatación de que o Estado español non é agora mesmo un Estado onde os dereitos fundamentais se estean a preservar. Para Òmnium, con 130.000 socios, con 57 anos de historia, perseguida polo franquismo –entón non se atreveron a prender o noso presidente–,a represión non é un feito novo. Por tanto, forma parte da nosa cultura organizativa saber responder a esta represión, que vén con dor, porque é duro, mais tamén coa conciencia tranquila ao saber que estamos facendo ben as cousas e estamos no lado correcto da historia. O noso proxecto político sempre se baseou no diálogo e na non violencia. As urnas son sempre a resposta que defendemos e seguiremos facéndoo.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 325 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]