UNIÓN EUROPEA

Ursula Von der Leyen é eleita presidenta da Comisión Europea

Ursula Von der Leyen é eleita presidenta da Comisión Europea
Ursula Von der Leyen [Imaxe: @Europarl_CAT]
Ursula Von der Leyen [Imaxe: @Europarl_CAT]  

A dereitista alemá Ursula Von der Leyen resultou eleita nova presidenta da Comisión Europea por maioría absoluta da eurocámara, recibindo un total de 383 votos a favor achegados desde as filas do Partido Popular Europeo, o grupo socialdemócrata e do conglomerado de formacións liberais denominado Renew Europe. En contra obtivo 327 votos e producíronse 22 abstencións.


A política alemá Ursula Von der Leyen converteuse esta terza feira 16 de xullo na nova presidenta da Comisión Europea ao superar a maioría absoluta marcada en 374 votos no Parlamento Europeo.

Así, a ministra de defensa de Angela Merkel acadou 383 votos a favor emitidos desde as bancadas do Partido Popular Europeo, o grupo dos socialdemócratas e do liberal Renew Europe. En contra obtivo 327 votos e 22 abstencións. Soberanistas e esquerda non outorgaron o seu voto a Von der Leyen pola súa falta de concreción en asuntos clave e as súas políticas conservadoras.

Von der Leyen é a primeira muller en presidir a Comisión Europea en 61 anos de existencia deste organismo, durante os que houbo un total de 148 comisarios homes e tan só 35 comisarias mulleres.

Coa investidura desta candidata proposta polo Partido Popular Europeo, o Parlamento asume a decisión das e dos 28 líderes dos estados da Unión Europea de situar na presidencia un nome emanado precisamente de entre estas e estes líderes.

Desta maneira non prosperou a vontade manifesta desde varios espazos políticos e membros da eurocámara,  provocando friccións tamén no grupo socialdemócrata, de aplicar o denominado spitzenkandidaten, é dicir, a posibilidade de que fose o propio Parlamento quen propuxese unha candidata ou candidato a votación de entre as persoas membras da propia eurocámara, e que por tanto, fosen eleitas nas urnas dalgún país da UE nos comicios europeos.

A ministra de Defensa alemá só contaba até poucas horas antes de comezar o pleno co apoio manifesto do Partido Popular Europeo

A ministra de Defensa alemá só contaba até poucas horas antes de comezar o pleno co apoio manifesto do Partido Popular Europeo, o que lle fixo modular o seu discurso adornándoo con termos sociais, alusións á igualdade de xénero e ao cambio climático, co obxectivo de asegurarse os votos do grupo socialdemócrata e liberal que decidiron esta mesma tarde o sentido do seu voto.


Ursula Gertrud Von der Leyen naceu en Bruxelas e milita na Unión Demócrata Cristiá alemá, formación dereitista coa que accedeu ao Ministerio de Defensa en 2013, cunha política dura, baixo o goberno de Angela Merkel. Anteriormente foi ministra de Traballo e Asuntos Sociais. Sinalóuselle en reiteradas ocasións como sucesora da propia Merkel.