CRISE NA FORMACIÓN EMERXENTE

“Ás veces parecémonos ao que queremos substituír”, di Monedero antes de demitir

“Ás veces parecémonos ao que queremos substituír”, di Monedero antes de demitir

Racha a dupla fundadora de Podemos. Monedero abandona a dirección do partido e exterioriza un claro divorcio político con Iglesias.


Podemos comezou criticando os vicios do que chamaba a “casta” e acabou caíndo nalgúns deles, veu dicer esta mañá, nunha entrevista en Radio Cable, Juan Carlos Monedero, ideólogo e fundador da formación emerxente.

“O contacto permanente con aquilo que queremos superar, pois ás veces [fai] que nos parezamos a aquilo que queremos substituír”, dixo Monedero, antes de acrecentar que “Podemos cae nese tipo de problemas porque deixa de ter tempo para se reunir cun pequeno círculo, porque é máis importante un minuto en televisión ou é máis importante aquilo que te suma á estratexia colectiva...”.

Para Monedero, Podemos está en trance de se converter nunha sorte de maquinaria eleitoral, o que a levaría a “sermos reféns do pior do Estado, da súa condición representativa”.

Xa na terza feira, Monedero, en declaracións a El País, anunciara a súa intención de se afastar da primeira liña orgánica do partido para “regresar á reflexión”.

Monedero lamenta que agora sexa máis importante "un minuto en televisión" do que se reunir "cun pequeno círculo"

Agora pide tamén ao partido que “volva ás orixes”.

Foi Pablo Iglesias, o seu contra-parte destes meses de fulgurante crecimento nos inquéritos -truncado nas últimas semanas pola aparición de Cidadáns-, quen, por volta das 18 horas, anunciou o abandono de Monedero dos seus cargos na dirección do partido [ocupaba o cargo de secretario de Programas]. Iglesias non partilla as críticas de Monedero á evolución de Podemos, mas mesmo así afirma que o “seu aguillón crítico” é “importante para nós”.

Monedero protagonizou hai un par de meses unha polémica pública após terse visto obrigado a presentar unha declaración complementar ante Facenda ao non ter declarado en primeira instancia a efeitos do IRPF os ingresos que unha súa empresa de consultoría política obtivo de distintos estados latinoamericanos [tributara, si, por sociedades, acolléndose a un tipo fiscal menos gravoso].

As críticas de Monedero teñen a ver co descontentamento que nos sectores máis rupturistas de Podemos está a producir a deriva dun Pablo Iglesias que nas últimas semanas se ten visto con Felipe VI e ten feito profesión de fe socialdemócrata.