AS SONDAXES APUNTAN Á REELECCIÓN DE MADURO

Venezuela elixe presidente este domingo

Venezuela elixe presidente este domingo

As venezuelas e venezuelanos vivirán unha nova xornada electoral este domingo, cando terán lugar os comicios presidenciais. As sondaxes sitúan como vencedor o actual presidente, Nicolás Maduro.


As eleccións deste domingo serán as vixésimo cuartas após o triunfo da revolución bolivariana en Venezuela, en 1999, da man de Hugo Chávez. As principais sondaxes coinciden en sinalar como vencedora a Fronte Ampla da Patria, a coligazón de formacións políticas que apoian o actual presidente, Nicolás Maduro, que vencería con perto do 60% dos apoios, segundo a última enquisa de ICS coñecida. O cónsul de Venezuela na Galiza, Martín Pacheco, teno claro. Nunha entrevista realizada por Xosé Mexuto para Sermos Galiza na que expuña as claves da cita electoral, Pacheco prognosticaba que “a paz vai vencer a vitoria”.

O voto da oposición dividiríase entre Henri Falcón, que acadaría o 25,4%, e Javier Bertucci, cun 16,2%. Falcón xa advertira publicamente a súa intención de reformar a constitución para impoñer, entre outras medidas, a dolarización completa da economía.

De se confirmaren os prognósticos non sería necesario unha segunda volta para designar Maduro presidente venezuelano. A participación prevese elevada malia a estrutural abstención no país, que adoita situarse no 20%.

Están chamadas ás urnas para elixir o presidente e os membros dos Consellos Lexislativos Estatais máis de 20 millóns e medio de persoas, que votarán nos máis de 14 mil centros de votación distribuídos en todo o país. Estarán vixiadas e vixiados por máis de 300 mil funcionarias e funcionarios, que tratarán de manter a orde pública e custodiar a maquinaria electoral.

Zapatero aposta no diálogo

José Luis Rodríguez Zapatero, ex presidente do Goberno español, acudirá ás eleccións como acompañante internacional. Diante dos medios, Zapatero apostou no diálogo fronte ás sancións contra Venezuela.