Venezuela ve "fins conspirativos" nunha visita de eurodeputados da dereita europea

Venezuela ve "fins conspirativos" nunha visita de eurodeputados da dereita europea
Jorge Arreaza
Jorge Arreaza  

Sabían que ían ser expulsos do país e foron nas mesmas, na procura do impacto propagandístico. A delegación de eurodeputados —co parlamentar do PP Esteban González Pons como portavoz— foron levados a un avión de volta a Madrid após tocar solo venezuelano. Caracas advertíralles previamente que non lles sería tramitada a entrada en Venezuela por os considerar peóns da estratexia golpista.


Foi o chanceler bolivariano Jorge Arreaza quen, para elevar o rango diplomático e político da resposta de Caracas, asumiu a explicación oficial e explicou os motivos que levaron o goberno venezuelano a non admitir a entrada no seu país de eurodeputados que tiñan axendados encontros con Juan Guaidó, autoproclamado presidente do país co apoio dos EUA e boa parte da da UE, e do líder opositor Leopoldo López, actualmente en arresto domiciliario e ao que a xustiza do país caribeño responsabiliza de manifestacións violentas co resultado da varias mortes.

"Non permitiremos que a dereita europea perturbe a paz", dixo Arreaza, quen puxo en destaque que os eurodeputados foron instados a desistir para "evitar outra provocación".

González Pons, xa de volta no estado español, pediu a retirada das credenciais a todos os embaixadores de Venezuela na UE, unha petición que non ten amparo na legalidade internacional segundo a cal o único goberno lexítimo do país caribeño é o de Nicolás Maduro.