Díaz Ayuso anuncia a "maior baixada de impostos da historia"

Díaz Ayuso anuncia a "maior baixada de impostos da historia"
Ayuso, nunha conferencia de imprensa
Ayuso, nunha conferencia de imprensa  
Neo-thatcherismo en Madrid. A candidada do PP á presidencia da comunidade autónoma, Isabel Díaz Ayuso, anunciou esta terza feira "a maior baixada de impostos da historia". Afirma que o seu goberno batallará contra o desemprego, ampliará o metro e porá o investimento en I+D en 2% do PIB ao final da lexislatura. Non dixo ben como vai financiar todo iso se reduce a capacidade de recadación da facenda autonómica. Esta cuarta feira será investida cos votos de Cs e Vox.

"Un goberno liberal". É o que anunciou esta terza feira a candidata do PP, que vai cogobernar Madrid con Cs, a formación que reivindica a patente do liberalismo. Mais a xulgar polo discurso de Díaz Ayuso o que vai ter a comunidade autónoma é un goberno ultra-liberal.

Unha baixada de impostos masiva e o incremento dos concertos (léase privatización) do ensino e a sanidade. Isto é o que ofrece Díaz Ayuso. Como pensa financiar os servizos públicos? Todo indica que terá que recorrer á débeda pública, un pouco a seguir os pasos do Goberno Feixoo.

Na súa alocución perante a asemblea lexislativa madrileña, Díaz Ayuso tamén dedicou algunhas chiscadelas a Vox, como, por exemplo, a criación dunha consellaría de Familia. Porén, non vai tocar a lexislación que regula os dereitos conquistados polos movimentos LGTBI. Isto último desgustou notoriamente a formación liderada por Santiago Abascal, mais ninguén nos ambientes políticos madrileños dubida que a ultradereita votará si á investidura da candidata conservadora.