VENEZUELA

Vinte organizacións asinan manifesto en apoio ás negociacións en Noruega

Vinte organizacións asinan manifesto en apoio ás negociacións en Noruega
As cores de Venezuela
As cores de Venezuela  SG

O Movemento Galego de Solidariedade con Venezuela publica un manifesto de apoio ao proceso de diálogo que se está levando a cabo en Noruega para defender a paz e o futuro en Venezuela.


Un manifesto feito público polo Movemento Galego de Solidariedade con Venezuela dá o soporte dunha vintena de organizacións sociais e políticas galegas ás conversas e proceso de diálogo que se está levando a cabo en Noruega para favorecer a paz e a resolución do conflito que se está a vivir na República Bolivariana de Venezuela.

Denuncia non manifesto o goberno de Trump por teimar en dicir que todas as opcións para a súa relación con Venezuela “están sobre a mesa”, dando a interpretar de maneira explícita a inminencia dunha intervención armada, “final e incontestábel” co que os seus aliados “belicistas” celebran anticipadamente “a expulsión dun goberno democrático mediante a aplicación do recurso antigo e violento que desafía a esencia pacifista do dereito internacional contemporáneo e a convivencia no mundo”, denuncia o movemento de solidariedade galego.

Denuncia non manifesto o goberno de Trump por teimar en dicir que todas as opcións para a súa relación con Venezuela “están sobre a mesa”

As organizacións asinantes consideran un “mérito democrático” do goberno da República Bolivariana de Venezuela ter colocado nese tempo e lugar precisos, “e con grande habilidade diplomática”, un encontro de paz coa colaboración de Noruega, o que consideran unha fórmula aparentemente non prevista por Trump “e o seu belicista gabinete”.

Di o manifesto que o mundo recibe con esperanza a Mesa de Paz de Noruega como “vía intelixente fronte tanta violencia”. Denuncian tamén a manipulación informativa contra o goberno de Maduro, mais engaden que a pesar das “mentiras” non se puido agachar “a guarimba mercenaria recorrente, na que nove persoas pacifistas foran queimadas vivas e causara unha interminábel regueira de estragos por toda Venezuela”.

Tamén fai referencia entre os fracasos da oposición á “provocación de armas na fronteira con Colombia, en febreiro, a conta dun convoi pretendidamente humanitario”, así como a invitación non respondida a finais de abril para un golpe militar.

Di o manifesto que o mundo recibe con esperanza a Mesa de Paz de Noruega como “vía intelixente fronte tanta violencia

Sinalan tamén os gobernos dos USA, Canadá e Reino Unido por abriren o camiño para o cerco armado de Palestina, Iraq, Líbano, Siria, Libia, Afganistán, Somalia, Sudán, Igoslavia, Ucraína, Mianmar e Iemen; e alertan no manifesto de que agora teñen os ollos postos en Venezuela “desafiando o dereito soberano do país a decidir o seu destino sen que esta violación intolerábel da lei internacional se volva finalmente contra eles”.

Chaman a apoiar  o dereito de Venezuela á paz e convivencia democrática

Chaman por tanto a apoiar “sen reservas” o dereito da República Bolivariana de Venezuela á paz e convivencia democrática.

O manifesto do Movemento Galego de Solidariedade con Venezuela asínano a 31 de maio a Asociación Galega Bolivariana Hugo Chávez (AGABO), a Asociación Francisco Villa Mil, a Asemblea Republicana de Vigo, CIG, BNG, Galiza Nova, Anova, CUT; Erguer Estudantes da Galiza, Esquerda Unida, Isca, Mar de Lumes, PCG, PCPG, PCTG, Podemos Vigo, Rede Vermella, a UPG e Xeira.

As conversas en Noruega

Goberno e oposición atopáronse esta semana en Noruega co obxectivo de estabelecer un diálogo que permitise atopar unha solución pacífica á crise venezuelana.

Nicolás Maduro e o opositor Juan  Guaidó, recoñecido por algúns países como presidente encargado, confirmaron o inicio das conversas e enviaron delegacións a Oslo. Noruega solicitou discreción á partes para que os acordos puideran frutificar, mais xa trascendeu o fracaso das mesmas. Non se descartan novos encontros en Noruega para poder alcanzar acordos.