O virus zika reabre o debate sobre o dereito ao aborto en Latinoamérica


O virus zika reabre o debate sobre o dereito ao aborto en Latinoamérica

A OMS cifra en aproximadamente 4 millóns os casos desta doenza a nivel mundial. A enfermidade transmítese pola picadura dun mosquito e podería ter a ver coa aparición de microcefalia e co síndrome Guillain-Barré en fetos. 

Casos confirmados_Zika_2016_OMS

O virus Zika atinxe xa a 22 países latinoamericanos após detectarse o primeiro caso en maio de 2015 no Brasil. Esta doenza, transmitida através da picadura de mosquito, podería ter relación co aumento de casos de microcefalia e do síndrome Guillain-Barré entre crianzas non-nadas cando a nai se ve atinxida polo virus durante a gravidez. 

((Preme na imaxe para despregar))

Neste senso, distintas ONGs e organizacións feministas advirten do incremento de abortos clandestinos que podería carrexar a proliferación da doenza e urxen os gobernos latinoamericanos a revisar a lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo. Na actualidade, só Cuba, Guyana, Puerto Rico, México DF e Uruguai despenalizaron totalmente o aborto. 

A orixe do Zika en Brasil podería ter a ver cun experimento desenvolvido por un laboratorio británico

A orixe do Zika aínda non fica clara desde que se detectou por primeira vez en Wa'ab (Yap), unha illa do Pacífico. Desde aquel momento as maiores taxas de infección situáronse na Polinesia francesa (2013) e o pasado ano 2015 en Brasil. Neste senso, algúns estudos apuntan a chegada do virus ao país através de mosquitos tratados xeneticamente no marco dun experimento desenvolvido por un laboratorio británico (Oxitec) en 2012. As sospeitas orixináronse porque os primeiros casos de Zika foron detectados naquelas localidades en que foran lanzados estes animais co obxectivo de combateren o dengue.

A doenza causada pola picadura non é mortal porén, as alarmas acendéronse polo aumento de crianzas nadas con microcefalia --unha doenza conxénita que provoca un cráneo inferior ao tamaño normal-- e do síndrome Guillain-Barrié --un trastorno inmunolóxico que atinxe o sistema nervioso. Embora esta relación directa non estar demostrada, a propia Organización Mundial da Saúde advirte que "aínda que polo de agora non se estabeleceu unha relación causal entre o virus Zika e as malformacións conxénitas e síndromes neurolóxicos, hai fortes motivos para sospeitar da súa existencia". 

O 95% dos abortos practicados no Brasil son clandestinos e inseguros

Neste senso, diversos gobernos latinoamericanos instaron as mulleres a non engravidar e pospor a súa maternidade. "Pedir ás mulleres que non engraviden non é política de saúde seria", sinalou a profesora, antropóloga e investigadora de Anis, Debora Diniz nun artigo intitulado Descaso da pior espécie


Aborto, sexualidade e discapacidade

Distintas ONGs e organizacións feministas, entre as que se atopa o instituto feminista de investigación bioética brasileiro, Anis, e a Federación Internacional de Planificación Familiar (IPPF) reclamaron o acceso das mulleres a mecanismos de interrupción do embarazo através da sanidade pública en territorios como o Brasil no que o 95% dos abortos teñen lugar de maneira clandestina e en condicións de inseguridade, nomeadamente entre mulleres das clases populares debido á falta de recursos económicos. 

Para alén disto, reclaman maior acceso das mulleres á información en materia de sexualidade así como anticonceptivos pois, segundo unha investigación desenvolvida pola Fundación Guttmacher 23 millóns de mulleres non teñen acceso a eles representando o 75% dos embarazos no país. E é que, a lexislación brasileira é unha das máis restritivas e punitivas a respeito do aborto. 

Asemade, urxen políticas de inclusión das persoas con diversidade funcional.