XUÍZO

A vítima da Manada de Manresa: “Intimidáronme cunha pistola”

A vítima da Manada de Manresa: “Intimidáronme cunha pistola”
[Imaxe: Twitter]
[Imaxe: Twitter]  

“Estaba asustada e choraba”. Así lembrou no xuízo a vítima da coñecida como Manada de Manresa a violación en grupo que sufriu cando tiña 14 anos. A rapaza, hoxe con 17, asegurou no xulgado que se sentiu intimidada por unha pistola que se pasaban tres dos acusados.


A rapaza que sufriu unha violación múltiple en outubro de 2016 en Manresa declarou perante o tribunal na mañá desta segunda feira que tiña medo e que se sentía intimidada antes da agresión porque tres dos sete acusados compartían unha pistola e facían ademán de cargala. “Estaba asustada e choraba”, declarou a rapaza, que no momento da violación tiña 14 anos.

A vítima sinalou que sospeita que foi drogada porque apenas lembraba os acontecementos daquela madrugada de outubro de 2016, nunha fábrica abandonada de Manresa onde tiña lugar unha festa. Segundo relatou a menor, nunha declaración clave para que a Fiscalía decida se mantén a acusación de abusos ou se a eleva a agresión sexual, a súa amiga contoulle que os seis acusados a violaron, mentres ela estaba no chan chorando. A vítima sinalou que só lembra fugazmente tres situacións.

Principal testemuño

Segundo a principal testemuña, un dos acusados –co que a vítima mantivera relacións sexuais consentidas días antes–, levou a agredida a unha caseta próxima á fábrica. Esta amiga da vítima asegurou no xuízo que, após forzala sexualmente, os acusados querían tirar a rapaza “a un río”. Corroborou, ademais, a violación por quendas e en grupo á menor e puxo de manifesto, entre choros, que após a agresión tivo que convencer os acusados de que a deixasen ir.

A testemuña salientou que cando acudiu á caseta viu “claramente” a súa amiga no chan, mentres a violaban e dicían "15 minutos cada un", e relatou que un dos acusados lle puxo unha pistola na boca para que non contase nada do que acontecera. Tamén puxo en coñecemento do tribunal que ese acusado lle dixo que sabía o camiño que percorrían as súas irmás pequenas para ir á escola.

A pasada sexta feira declararon catro das 13 testemuñas previstas. O resto trasladará o seu testemuño a próxima sexta, día 12. Esta tarde están convocadas en Catalunya concentracións de apoio á vítima. Tamén se organizaron concentracións en vilas galegas baixo o lema “Se tocan a unha, respondemos”.