MÚSICA, DEBATES E FESTA

Volta a Festa do Avante chea de solidariedade e internacionalismo

Volta a Festa do Avante chea de solidariedade e internacionalismo
Festa do Avante 2018
Festa do Avante 2018  

Portugal prepárase para vivir tres días que, como cada ano, enchen a primeira fin de semana de setembro de música, debates e solidariedade. A Festa do Avante, organizada polo Partido Comunista Portugués, congregará milleiros de asistentes chegados desde Portugal e a Galiza, así como de numerosos países do mundo.


Desde o comezo do verán o recinto da Festa do Avante, na Atalaia, Amora, Seixal, vén acollendo centos de militantes e simpatizantes comunistas portugueses que colaboran na organización e a montaxe da Festa do Avante que decorrerá o vindeiro 6, 7 e 8 de setembro. Son as coñecidas como construtoras e construtores da Festa, un dos maiores eventos que un partido comunista organiza na actualidade en todo o mundo.

O secretario xeral do PCP, Jerónimo de Sousa, dedicou o pasado sábado 24 de agosto no propio recinto da Festa palabras de recoñecemento e respecto para as e os construtores, poñendo en valor “o traballo militante que, en si mesmo, constitúe marca distintiva do partido”.

O internacionalismo e a solidariedade entre os pobos

As loitas e os procesos de emancipación da clase traballadora e dos pobos do mundo estarán presentes un ano máis na Festa do Avante.

Baixo as proclamas de “solidariedade, paz e soberanía”, o espazo internacional da festa acollerá os postos de decenas de partidos comunistas e forzas revolucionarias e progresistas de todo o mundo, que partillan coas e cos visitantes da Festa as súas culturas e loitas. Ademais das casetas con material político, tamén haberá bares e restaurantes con produtos tradicionais destas nacións, así como o Palco da Solidariedade onde se realizarán debates e coloquios sobre a Unión Europea, América Latina, o capitalismo e a destrución do ambiente e a defensa da paz en Oriente Medio.

Terá espazo propio na Festa en representación da nación galega o Bloque Nacionalista Galego. Tamén estarán partidos comunistas e progresistas de países como Alemaña, Angola, Bélxica, Brasil, Cabo Verde, Catalunya, Chile, China, Colombia, Cuba, Espanha, Irán, Italia, Moçambique, Palestina, Perú, Sahara Occidental...

Na Festa do Avante está presente a diversidade cultural

Na Festa do Avante está presente a diversidade cultural do país veciño, as súas tradicións populares, artesanía e gastronomía, así como os problemas, aspiración e loitas populares. Cada organización territorial do PCP realiza exposicións e charlas en que expresan propostas e loitas políticas en curso e serven gastronomía propia.

Os pavillóns das mulleres, da emigración e da inmigración, e o espazo da ciencia son dos espazos que non se poden perder na festa, alén do espazo cinema e teatro.

Decenas de concertos para desfrutar do Avante

Os escenarios do Avante son espazos fundamentais da música portuguesa. Decenas de artistas actuarán no palco central, o espazo da xuventude, o café concerto, o espazo da crianza, o palco de novos valores...

O grupo metaleiro Moonspell será un dos pratos fortes da Festa. Actuarán o sábado ás 22 horas no palco 25 de Abril. Omiri tamén será éxito seguro, coa súa reivención da música tradicional portuguesa. Silvia Pérez, Terra Livre, Zorg ou The Last Internationale serán só algunhas das artistas que revolucionarán Portugal durante os tres días da Festa, que chegará ao seu fin na tarde do domingo co grande comicio central en que, como cada ano, intervirá o director da Festa, unha representación da Juventude Comunista Portuguesa e do secretario xeral do partido, Jerónimo de Sousa. O cante do himno de Portugal, da Internacional e do Avante Camarada porán fin á grande Festa bailando ao ritmo da Carvalhesa