Vox aumenta a presión sobre PP e Cs ao anunciar unha emenda aos orzamentos andaluces

Vox aumenta a presión sobre PP e Cs ao anunciar unha emenda aos orzamentos andaluces
Rolda de prensa de Vox no parlamento andaluz
Rolda de prensa de Vox no parlamento andaluz  

En plena negociación das alianzas pos-electorais, e cos focos postos en Madrid, Vox sacode o taboleiro co anuncio dunha emenda á totalidade aos orzamentos andaluces, froito da coalición PP-Cs. Veos continuistas a respecto das contas do PSOE.


Vox non está disposto a ser unha comparsa no concerto da dereita e xoga forte. Tanto que esta segunda feira anunciou unha emenda á totalidade das contas do goberno andaluz, o que directamente pon en risco a continuidade da coalición PP-Cs liderada por Moreno Bonilla.

A xustificación deste golpe sobre a mesa da ultra-dereita expresouna o seu portavoz no parlamento andaluz, Alejandro Hernández. Dixo literalmente que os orzamentos son "un mero exercicio de continuidade sobre o que xa había. Poderíaos ter presentado un goberno socialista perfectamente".

Vox considera que con estas contas o PP traizoa o pacto que asinou no seu día con eles. "Afástanse de todo o que se dicía que se ía facer por parte do novo goberno", estendeuse Hernández.

A ultradereita censura que os orzamentos manteñan partidas para combater a violencia de xénero ou para a memoria histórica (a pesar de estas últimas se teren visto recortadas en 6,9 por cento),

En todo caso, estamos perante un movimento de afirmación do perfil propio por parte de Vox nun escenario marcado pola necesidade de concertar pactos en concellos e comunidades autónomas.

A formación liderada por Santiago Abascal xa ten dito que aspira a estar en tripartitos e que non se conforma con estender ao resto do estado o modelo andaluz, que agora, aliás, entra en crise.